O temporal deixa na Galiza máis dun cento de incidencias

O desbordamento do río Tea provocou inundacións en Mondariz. (Foto: Europa Press)
O desbordamento do río Lagares provocou inundacións en Vigo

O temporal deixou hoxe na Galiza un cento de incidencias, ventos superiores aos 130 quilómetros por hora e ondas na costa de case catro metros de altura. Así o informou o 112 Galiza que indicou que se rexistraron un total de 122 incidencias a causa das fortes chuvias que afectan o país. As máis comúns estiveron relacionadas con riscos de asolagamento e inundacións en vivendas.

Avarías no tendido eléctrico de Vigo

Unha das cidades máis afectadas foi Vigo, onde o temporal provocou a caída de árbores, avarías no tendido eléctrico e balsas de auga. Segundo informou a Policía Local, esta mañá producíronse avarías no tendido eléctrico da Gran Vía e nas rúas Martín Echegaray, Ramón y Cajal, e Lamelas, entre outras. Ademais, o corpo de bombeiros tivo que retirar unha árbore da avenida Clara Campoamor que mantivo o tráfico retido.

As chuvias tamén provocaron o desbordamento do río Lagares, que afectou á rúa Severino Cobas, ao parque de Castrelos e á avenida Balaídos, onde un autobús urbano quedou atrapado con xente dentro nunha zona asolagada.

Aumenta o caudal dos ríos Dubra, Tambre e Tea 

Os ríos Dubra e Tambre, en alerta por risco de inundación desde a segunda feira, aguantaron sen desbordarse a pesar do aumento do seu caudal debido ás intensas chuvias. O alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, informou que durante a madrugada de hoxe, o Dubra "tivo algún desbordamento" puntual pero non causou inundacións, senón arrastres e cortes da estrada.

Porén, o río Tea desbordou no seu paso polos concellos de Mondariz e Ponteareas. A auga chegou a entrar no interior de varias vivendas impedindo que algunhas persoas puideran saír delas, polo que tivo que acudir o corpo de bombeiros.