Gran parte do litoral galego estará esta sexta feira en alerta laranxa por fortes ondadas e fenómenos costeiros, advirten desde Meteogalicia. Concretamente, a alerta afectará o noroeste da provincia da Coruña e a Costa da Morte. Para a Mariña e as Rías Baixas, a alerta a partir desta sexta por fenómenos costeiros será amarela, como tamén o será por 'mar de vento' na Mariña e en toda a costa coruñesa.
Pola súa parte, a AEMET eleva a alerta laranxa por ondada á zona de Rías Baixas-Pontevedra e Miño-Pontevedra e á costa mariñá. Prevén ondas de entre cinco e seis metros e ventos de forza 7 (de 50 a 61 km), que ocasionalmente poden alcanzar forza 8 (de 62 a 74 km) en determinados lugares como Ortegal-Bares ou na Mariña. Ambos os servizos desactivaron os avisos choivas, despois de que esta quinta feira o interior de Pontevedra estivese en alerta laranxa por precipitacións intensas.
Ducias de incidencias polo temporal
Un microbús escolar tivo que ser auxiliado esta quinta feira en Allariz (comarca de Allariz-Maceda) ao quedar varado nunha balsa de auga polo desborde do río Arnoia. O autocar transportaba catro rapaces, de entre 12 e 14 anos, que foron rescatados ilesos. Esta foi unha das múltiples incidencias que deixaron onte na Galiza os fortes ventos e as abundantes choivas que caeron sobre o país. As previsións de Meteogalicia apuntan a que hoxe o tempo continuará marcado por eses fenómenos, ao igual que na fin de semana.
Só entre a medianoite pasada e a fin da mañá as condicións meteorolóxicas adversas desta quinta feira deixaron ao redor de 150 incidencias por toda a Galiza, segundo cifras do 112. As máis frecuentes foron en estradas, onde os servizos de emerxencias tiveron que intervir por árbores e pólas (45), terra e pedras (29) ou inundacións (24). Rexistráronse varios accidentes de tráfico ligados ás condicións climáticas. En Ponteareas (comarca do Condado), dous coches chocaron contra unha árbore na N-120, sen provocar feridos.
Un aviso similar chegou ao 112 sobre cando un camioneiro chamaba para explicar que unha árbore caera enriba do parabrisas do seu camión na A-55 ao seu paso por Atios, no Porriño (comarca de Vigo).
Así mesmo, foron varios os anegamentos de vivendas e as actuacións de varios servizos de emerxencias para evitar riscos maiores , como apontoar muros ou retirar vexetación de forma preventiva. Outra incidencia aconteceu en Castrelo do Val, comarca de Verín, a caída de terra e pedras do monte taponou a OU-114 por completo á altura de Campobecerros.