O temporal deixa 1.200 incidencias e provoca inundacións e cortes en estradas
Galiza continúa a sufrir os efectos do paso da borrasca Joseph polo país, co desbordamento de ríos, cortes en estradas pola acumulación de auga, a caída de pontes e de árbores e afundimentos do pavimento. A inestabilidade meteorolóxica continuará nos vindeiros días ante a chegada dun novo temporal á Galiza, Kristin, que manterá a alerta.
A borrasca Joseph continúa a deixar un balance crecente de incidencias na Galiza. Na xornada desta terza feira rexistráronse un total de 1.229 por mor da acumulación de choivas persistentes, o que está a provocar inundacións, desprendementos e problemas de mobilidade en boa parte do país. A maior parte das intervencións estiveron relacionadas coa caída de árbores e de pólas nas estradas, asolagamentos en vías públicas, actuacións preventivas por risco, bolsas de auga, presenza de terra e pedras na calzada, cables tirados e tamén inundacións en vivendas, entre outras incidencias menores.
O delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na Galiza, Francisco Infante, informou esta terza feira de que o país seguirá rexistrando chuvascos e un descenso das temperaturas nos vindeiros días.
Ríos desbordados
As choivas persistentes provocaron o desbordamento de varios ríos na Galiza. Ante esta situación o Centro de Control de Conca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil informaba da activación da fase de prealerta ante o posíbel enchemento do río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo. O temporal tamén obrigou a cortar o acceso por estrada no concello de Verín (comarca homónima). "Xa desde a noite permanecen algunhas zonas cortadas como consecuencia do desbordamento do río", informou Manuel Alfonos, responsábel de Protección Civil da localidade. Aliás, activouse a alerta vermella no río Támega, en Oímbra (comarca de Verín), obrigando a cortar a estrada OU-1107 Xinzo.
O paso de Joseph provocou a caída dunha ponte en Navia de Suarna (Os Ancares) e a Deputación de Lugo acordou cortar varias estradas provinciais. Segundo informou a institución provincial nun comunicado, trátase da LU-P-1701 que conecta Feira do Monte e Muimenta, onde desbordou a auga á altura do quilómetro nove; da LU-P-0802, de Bengonte a Santalla e que está asolagada ao principio da vía no cruzamento coa N-VI, e a LU-P-3501 de Navia de Suarna ao Alto do Restelo, pola caída da ponte de Aceña.
A acumulación de auga ocasionou que a rúa Pena Trevinca de Ourense permanecese cortada como consecuencia da apertura dunha gran fochanca na estrada. O Concello explicou que esta segunda feira ao redor das 17 horas detectou un afundimento na rúa e iniciáronse os traballos de sinalización e balizamento da zona. Así, onte, sobre as 10 horas, efectuouse unha cata de control para avaliar o estado do pavimento, a partir da cal se comprobou que baixo a lousa de formigón había un "oco de grandes dimensións", nunha zona na que "non consta a existencia de redes de servizos". Trátase dunha das vías principais da cidade, sendo unha das estradas de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), así como unha das saídas ao polígono industrial.
O temporal tamén causou inundacións, desprendementos e danos en varias zonas do concello de Pontevedra, obrigando a feches preventivos e deixando veciñas e veciños illados. En Sanxenxo (O Salnés) o temporal tamén tivo efectos e produciu desprendementos no talude do último tramo do Paseo de Silgar, afectando un tramo da beirarrúa. Aínda que o municipio de Valga (comarca de Caldas) non estaba incluído na alerta vermella emitida polos servizos meteorolóxicos ante o paso da borrasca, o Concello informou de que as súas consecuencias tamén se deixaron notar na xornada desta terza feira, especialmente na contorna das beiras dos ríos Valga e Rubio.
A capital galega tamén se viu afectada por distintas incidencias provocadas polo temporal, coa caída de árbores e de postes telefónicos. Un dos principais sucesos foi a caída dun muro na rúa Agro da Senra. As choivas e o forte vento continuarán na chegada de hoxe, manténdose a inestabilidade temporal ante a formación e a chegada dunha nova borrasca ao país, Kristin.

