O temporal costeiro deixa ondas de 6 metros no litoral coruñés e ventos de máis de 100 km/h na Mariña

Forte ondada na Coruña. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O temporal mantén esta sexta feira en aviso laranxa toda a costa galega.

O temporal que mantén esta sexta feira en aviso laranxa toda a costa galega deixou xa ondas de 6 metros fronte ao litoral da cidade da Coruña e ventos que alcanzaron os 102,5 km/h en Viveiro (A Mariña). Así o recollen os medidores de Portos do Estado e Meteogalicia nesta mañá na que tamén se rexistran intensas choivas con 26,2 l/m2 en Abadín (Terra Chá).

Na costa, a estación de Penedo do Galo, en Viveiro, captou un refacho de 102,5 km/h ás 9.10 horas, mentres que en Cedeira (Ferrolterra) roldáronse os 100 km/h. Tamén sopra con forza na montaña do interior, con picos máximos de 102 km/h en Muras (Terra Chá) e de 92,1 km/h en Manzaneda (Terra de Trives).

A inestabilidade no mar causou fortes ondadas con picos de 6,5 metros nas illas Sisargas e de case 6 no litoral da Coruña. No sur, as boias de Cabo Silleiro rexistraron máximos de 4,5 metros.