O temporal causa máis de 240 incidencias na Galiza e mantén en alerta estes 14 municipios por desbordamento de ríos

Rúas asolagadas como consecuencia do crecemento do caudal do río Tea. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
A borrasca volveu deixar nas últimas horas xeiras de vento que roldaron os 100 km/h, limiar que se superou en Cabeza de Manzaneda, onde se alcanzaron os 135,1 km/h.

O temporal que axexa Galiza causou máis de 240 incidencias nas últimas horas, a maioría relacionadas con árbores ou pólas caídas sobre estradas que dificultaban a circulación. Así o recolle o balance ofrecido á primeira hora desta segunda feira pola central de emerxencias do 112-Galiza, que mantén activa a alerta en 14 municipios polos que transcorren nove ríos que poderían sufrir desbordamentos ante as elevadas precipitacións das últimas xornadas.

Entre a medianoite e as 8 horas desta segunda feira, a central do 112 atendeu un total de 242 incidencias. Case a metade das alertas (111) estiveron relacionadas con pólas e árbores caídas sobre estradas. En 26 ocasións foi requirida a intervención preventiva dos servizos de emerxencias para evitar males maiores e a central recibiu 24 avisos por bolsas de auga en vías de comunicación.

Tamén se rexistraron 20 alertas por postes ou cables de tendido eléctrico caídos e 14 por terra ou pedras en estradas, ademais de cinco chamadas por inundacións en vivendas e dúas polo mesmo motivo pero en baixos comerciais.

Segundo o reconto do 112, Vigo foi o punto con maior número de incidencias, cun total de 17, seguido polos municipios Cerdedo-Cotobade (comarcas de Pontevedra e Terra de Montes) e Viveiro (A Mariña), con sete, e Ares (Ferrolterra) e A Coruña, con seis.

Ríos en alerta

Até 14 municipios galegos continúan en alerta pola posibilidade de que se produzan desbordamentos en nove ríos nos que está activo o Plan Especial ante o Risco de Inundacións na Galiza (Inungal). Así, están en seguimento as estacións dos ríos Anllóns, Ladra, Miño, Mera, Mandeo, Tea, Ouro, Mendo e Arnoia.

Por este motivo, o 112 apela a extremar as precaucións nas marxes destes ríos ao seu paso polos concellos de Ortigueira, Betanzos, Paderne, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui, Gondomar, Allariz, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e Maceda.

Ondas de 7 metros na costa, ventos de 135 km/h en Manzaneda e temperaturas baixo cero

A borrasca volveu deixar nas últimas horas xeiras de vento que roldaron os 100 km/h, limiar que se superou en Cabeza de Manzaneda (Manzaneda, Terra de Trives), onde se alcanzaron os 135,1 km/h. No litoral, as xeiras máximas achegáronse tamén aos 100 km/h en puntos da Costa da Morte como Lira (Carnota, comarca de Muros) ou Malpica de Bergantiños, segundo recollen os medidores de Meteogalicia.

O forte vento tamén azoutou a montaña do interior, en zonas nas que os termómetros caeron a valores baixo cero en puntos como A Veiga (Valdeorras), Carballeda de Valdeorras, Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares) ou a propia Manzaneda.

No mar, ademais das xeiras de vento, tamén se mantén a inestabilidade, con ondas de até sete metros nas Illas Sisgargas e de seis no litoral da cidade da Coruña. Todo iso nunha madrugada na que continúan as precipitacións, que son intensas en lugares como O Valadouro (A Mariña), onde caeron no que vai de día 26,5 litros por metro cadrado.