MILES DE PERSOAS NAS MOBILIZACIÓNS FEMINISTAS CONTRA O ASASINATO DE VALGA

“O tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades”

Concentración esta tarde en Valga.
Miles de persoas acoden ás convocatorias para rexeitar a violencia machista e render unha homenaxe ás tres vítimas de Valga. As feministas esixen “medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos” para combater a violencia. "Esta mobilización demostra que o feminismo galego está un paso por diante e reclama con forza accións concretas e que as administracións se responsabilicen de vez", dixo unha portavoz da Marcha Mundial das Mulleres ao final dunha xornada na que houbo más de medio cento de mobilizacións. 

“Estamos fartas de fotos e promesas, de accións cara á galería, de minutos de silencio, condenas enérxicas e iluminacións. Queremos e reclamamos medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista”, di o comunicado divulgado esta cuarta feira pola Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres e que, asumido por diversas organizacións feministas, leuse nas máis de corenta concentracións convocadas en distintos puntos do país.

Tres días despois dos asasinatos de Sandra, María Elena e Alba en Valga, as feministas galegas advirten que o Pacto de Estado asinou a este concello 1.766 euros para medidas contra a violencia machista e de atención ás vítimas, o que consideran “unha cantidade de miseria que amosa a absoluta falta de compromiso dese documento co combate real da violencia machista”.

“O tempo de pedir xestos rematou, é momento de conquistar realidades”, subliña o documento.

“Estamos fartas da hipocrisía da dereita que recorta leis e orzamentos ao tempo que di sumarse á repulsa da violencia”, indican as activistas. “Sen recursos non hai combate da violencia. Sen educación en equidade e diversidade non hai combate da violencia.”

Están convocadas máis de medio cento de concentracións en todo o país e a asistencia está sendo maior que en anteriores protestas.

"En relación con outras veces as concentracións foron masivas en 54 vilas e cidades", asegurou pasadas as nove da noite unha portavoz da Marcha Mundial das Mulleres. "A resposta da sociedade galega foi forte. Agora, como indicamos no manifesto, pasou o tempo de actos simbólicos, minutos de silencio, condenas... Agora chegou o tempo que nos digan que recursos se van empregar na prevención da violencia machistas, na educación nas escolas, na atención as vítimas, ou como se van revisar os plans que determinan de perigo cando hai ameazas".

"Esta mobilización demostra que o feminismo galego está un paso por diante e reclama con forza accións concretas e que as administracións se responsabilicen de vez", dixo a portavoz en declaracións a Sermos Galiza.   

Imaxes das concentracións en Vigo, Ourense, Compostela, Lugo, A Coruña, Pontevedra, A Guarda, Celanova, Chantada e Sada.