O tempo medio de agarda para contar coa axuda de dependencia sitúase en 411 días

Os coidados dos dependentes seguen recaendo no círculo familiar.. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza).

O tempo de agarda para a resolución dos expedientes de dependencia non deixa de medrar na Galiza. Mentres no Estado os prazos reducíronse no último ano en nove días, na Galiza a demora incrementouse en 44 días. O escaso investimento en dependencia da Administración galega explica a situación.

O tempo medio transcorrido desde a solicitude da axuda de dependencia até a resolución da prestación situouse na Galiza en 411 días. Segundo os últimos datos achegados polo Observatorio da Dependencia, referidos ao exercicio de 2021, estas cifras representan un incremento do período de agarda para o solicitante de 44 días en relación con 2020, ano onde a actividade ordinaria dos diferentes organismos estivo paralizada pola pandemia.

A pasada anualidade viron recoñecida a súa dependencia 6.814 persoas. 3.513 delas foron declaradas como grandes dependentes, 700 como dependentes graves e 2.601 como dependentes leves. Porén, só se trata dunha pequena parte das e dos solicitantes da mesma, sinalando o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), organismo adscrito ao Ministerio de Asuntos Sociais, a través do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), que en 2021 formalizáronse 77.804 peticións para acceder a estas representacións.

As listas de agarda para a dependencia acumulan grandes atrasos. A este respecto, o Observatorio da Dependencia certifica que a  31 de decembro de 2021, na Galiza existían 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes á espera de valoración. Ao tempo, entidades como a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais cuestionan estas cifras e consideran que “o número de cidadáns galegos que esperan unha prestación é moi superior aos recollidos nas estatísticas oficiais, elaboradas a  partir dos datos achegados pola administración xestora”.

As numerosas queixas dos solicitantes apuntan nesa dirección. Neste sentido, a institución da Valedora do Pobo recolle no seu informe de 2021 que “nos últimos anos aumentaron as queixas polos atrasos das valoracións e a consellaría confirmou a existencia deses atrasos”. Tanto é así que a propia Consellaría de Política Social  recoñece que "o procedemento de valoración da situación de dependencia e asignación de recursos do SAAD presenta na actualidade problemas estruturais que necesitan ser abordados para a mellora do procedemento e para poder dar resposta ás solicitudes de valoración e atención rexistradas evitando demoras excesivas”.

470 falecementos no período de agarda

O ditame sobre a dependencia presentado en abril de 2022 pola Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais sinala que 470 persoas faleceron en 2021 na Galiza estando na lista de espera de dependencia, sen seren atendidas. 395 das mesmas viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación porén non viran efectuados os primeiros pagos das axudas. As outras 75 estaban a agardar pola resolución de grao. Mais o acontecido non é un caso illado nunha anualidade, senón a norma que se repite exercicio tras exercicio

O financiamento da dependencia na Galiza

A Galiza atópase á cola do Estado en investimento público en dependencia. Segundo os datos da  Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, o conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2021 de media ao financiamento deste servizo 79,1% do seu custo total, porén a Xunta só dedicou 67%. O Goberno galego situouse na posición de fechacancelas nunha clasificación que liderou Euskadi, cunha achega de 88%, seguida de País Valencià con 85% e Nafarroa con 84%.O gasto medio anual por persoa beneficiaria  dunha axuda de dependencia situouse na Galiza no pasado exercicio en 6.758 euros. Os números do país só ficaron por riba de Castela e León con 6.599 euros e de Andalucía con 6.653 euros, colocándose máis unha vez por baixo da media estatal.