A Xunta deixa sen executar 76 millóns de euros en dependencia

Ana Pontón culpa o Goberno galego pola súa "nefasta xestión" que deixa o país "á cola do Estado español" neste eido.
Hai 13.000 persoas en lista de espera para seren valoradas polos servizos de atención á dependencia. (Foto: Europa Press)
photo_camera Hai 13.000 persoas en lista de espera para seren valoradas polos servizos de atención á dependencia. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou esta segunda feira contra a Xunta da Galiza pola súa política en materia de dependencia, área na que o pasado ano "deixou sen executar" 76 millóns de euros, nun territorio que está "á cola" do Estado español en atención ás persoas dependentes, como revela un recente informe.

Así o subliñou a líder nacionalista nunha rolda de prensa decorrida no Parlamento da Galiza, logo de manter un encontro con distintas organizacións e entidades que traballan no eido da discapacidade e a dependencia. Pontón lembrou que a Galiza é, con 300.000 persoas, o territorio que porcentualmente ten maior número de dependentes ou persoas con discapacidade, polo que precisa dunha rede pública "que funcione de forma axeitada", algo que, para a responsábel do Bloque, non ocorre na actualidade pola "nefasta xestión" da Xunta.

Neste senso, citou as conclusións do informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicado hai menos dunha semana e que sitúa a Galiza entre as comunidades que diminuíron o seu investimento en dependencia no ano 2021, a que menos destina a esta área en termos globais e a segunda en gasto por por persoa.

A líder da oposición no Parlamento censurou a resposta a este informe do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se referiu ás transferencias económicas que a Galiza demanda ao Estado para a atención á depedencia. "O que fai é repetir o argumentario do PP. A culpa é única e exclusivamente da Xunta", aseverou Pontón.

Nesta liña, considerou que non se trata de "un problema de cifras" senón "de xestión" porque a Administración galega, dixo, "non é capaz nin de executar os recursos que ten". Así, Pontón recoñeceu que existe un problema de financiamento á dependencia "que había tamén cando gobernaba o PP [no Estado]". "O BNG vai reclamar que se arranxe, goberne o PP ou o PSOE", apostilou.

A portavoz do Bloque salientou a "nefasta xestión" da Xunta, que se exemplifica "nos 76 millóns de euros que quedaron sen executar o pasado ano" e cuxa posta en funcionamento, segundo Pontón, permitiría "incorporar as case 13.000 persoas" que agardan por unha valoración ou están á espera de entrar no sistema de dependencia.

Por tanto, ve primordial que a Xunta asuma unha serie de compromisos para reverter esta situación, algo que, en primeiro lugar, require que "se execute 100% do orzado" e aumenten os efectivos dos equipos de valoración para reducir o volume das listas de espera. Ademais, o Bloque tamén demanda a ampliación da rede pública de atención a este colectivo e que se recupere o plan de accesibilidade para a instalación de ascensores nas vivendas, xa que "hai miles de persoas que están atrapadas nas súas vivendas".

Por último, Pontón subliñou que é "fundamental" que se avance na "promoción da autonomía das persoas", para o que cre preciso que se incrementen os recursos "para poder recibir atención a domicilio", así como unha aposta en melloras na rede pública de centros de día.

Comentarios