O tempo de espera para unha primeira cita en Psicoloxía clínica supera o ano

Acto reivindicativo organizado polo Movemento Galego da Saúde Mental o pasado ano en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Os recortes afectan os servizos sanitarios de saúde mental da sanidade pública galega. A falla de medios, que coloca Galiza á cola do Estado en especialistas de Psicoloxía e Psiquiatría Clínica, vese agravada pola precariedade laboral do persoal. Mentres, máis de 10.000 persoas están en lista de espera.

As protestas polo funcionamento dos servizos de saúde mental na sanidade galega repítense ao longo de todo país. Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Mariña veñen semanas denunciando que “o servizo de Saúde Mental da Mariña conta actualmente cunha soa profesional para atender todo o distrito sanitario, o que supón unha soa psiquiatra para unha poboación de 70.000 habitantes”. Segundo o colectivo, “esta situación, con dous dos psiquiatras ausentes sen substituír, afecta directamente a máis de 500 pacientes aos que habería que engadir familiares e coidadoras”.

O contexto é, aínda, peor na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. A este respecto, a deputada do BNG Montse Prado vén de alertar de que a zona “só conta, fóra da Atención Hospitalaria con tres unidades de saúde mental de adultos e unha infanto-xuvenil, todas saturadas, para atender 300.000 persoas”. Asemade, significa que “mulleres e nenas, que precisan de atención psicolóxica son derivadas aos Centros de Información da Muller” e lembra que “no mes de xuño de 2021 crearon a perspectiva de mellora, abrindo unha Unidade de Atención ao Suicidio que xa fecharon en outubro, tras só cinco meses aberta”. Ao tempo, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) suprimiu nesta área o psicólogo clínico de enlace entre os diferentes niveis de atención sanitaria.

Listas de espera

Os casos do distrito sanitario da Mariña e da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés non son unha excepción. Segundo os últimos datos ofrecidos pola Xunta da Galiza, 10.020 persoas agardan por unha cita de psiquiatría no Sergas, diferindo o tempo de espera en función das áreas sanitarias.

Así, o período de agarda para unha primeira cita na área sanitaria de Ourense é de 42,5 días, mentres que na de Ferrol é de 42, 4 días. Na área de Compostela-Barbanza o tempo de agarda está en 39,2 días, na de Lugo en 39,1 días, na área sanitaria de Vigo é de 38,5 días, na da Coruña de 35,8 xornadas e na área Pontevedra-O Salnés é de 35 días.

A psiquiatra da área sanitaria de Compostela-Barbanza Iria Veiga sinala a Nós Diario que “o tempo de agarda para unha primeira cita é razoábel, o problema está coas seguintes que leva a que as terapias en moitos casos non sexan efectivas”. Neste sentido, indica que, a diferenza doutras especialidades, "en psiquiatría precísase máis dunha consulta para determinar o problema do doente”.

Un problema de precariedade laboral

Veiga considera que “a Xunta tenta meternos na cabeza que o problema está na ausencia de profesionais. Porén, o problema está nas condicionas laborais que son moi malas a nivel de estabilidade. Hai compañeiros meus que seguen asinando contratos na pública por tres ou catros días e se non lles ofrecemos unha estabilidade mínima dalgúns meses é moi difícil que desexen traballar na sanidade pública”.

A situación non é mellor na especializade de Psicoloxía Clínica. O psicólogo clínico do Sergas José Berdullas comenta a Nós Diario que “nos últimos anos tense contratado máis persoal. Porén, a Galiza está á cola do Estado en número de psicólogos clínicos, con 3,5 profesionais por cada 100.000 habitantes, fronte a 5,7 por 100.000 da media estatal e moi lonxe de 18 por 100.000 da Unión Europea”.

Calidade asistencial

As consecuencias da falla de persoal déixanse notar nas listas de agarda e na calidade asistencial. A este respecto, Berdullas alerta que “desde que se pide unha primeira cita até que se realiza a primeira consulta adoitan transcorrer entre tres meses e un ano, co que isto implica para persoas con patoloxías de depresión, riscos de suicidio ou unha crianza sen problemas previos”.

Berdullas critica que “a secuencia das terapias é de tres meses, unha autentica vergoña que provoca que os doentes non poidan ser ben atendidos e xera unha gran frustración nos profesionais porque sabemos que nesas condicións non podemos atender ben a xente”. “O dereito a recibir un tratamento psicolóxico axeitado na sanidade pública non é real”, conclúe Berdullas.

A precariedade da Psicoloxía

O psicólogo membro do Movemento Galego de Saúde Mental José Berdullas destaca que na Galiza os profesionais de Psicoloxía Clínica "non chegamos a 100", malia que as recomendacións da comisión asesora de 1997 sinalan que se precisan 175 para prestar unha atención axeitada".