Entre as temperaturas extremas de Ourense e o 'refuxio climático' da Mariña: dúas realidades paralelas na Galiza
O contraste de temperaturas está xerando que Galiza teña dúas realidades paralelas (ou algunhas máis) dentro da mesma. Así, puntos da metade norte, como pode ser A Mariña, teñen un tempo fresquiño; ao tempo, lugares do sur como Ourense padecen temperaturas extremas.
A cidade das Burgas está sufrindo con especial intensidade a actual vaga de calor, que acumula moitas xornadas continuadas e que se seguirá estendendo até ben entrada a vindeira semana. Así, a pesar dunha caída xeneralizada das temperaturas máximas na península Ibérica, Ourense experimentará esta cuarta feira 40 graos.
De feito, a comarca de Ourense e as da súa contorna están entre os diferentes puntos da península que se atopan esta cuarta feira en alerta laranxa polas altas temperaturas. Tanto é así, que a capital das Burgas quedará a tan só dous graos da máximas peninsulares de 42 graos que se rexistrarán en Andalucía, concretamente en Xaén ou Córdoba.
Mais esta cuarta feira non será complicada tan só para estas comarcas, senón para diferentes puntos da metade sur da Galiza, incluídos puntos próximos ao litoral, pois espéranse máximas na faixa entre os 37 e os 41 graos en diversas comarcas desta 'Galiza quente'.
Entre as sete grandes cidades galegas, A Coruña será a única que non chegará aos 30 graos, unha cifra que alcanzarán Santiago de Compostela (34 graos), Lugo (32 graos), Pontevedra (31 graos), Ferrol e Vigo (30 graos).
Non obstante, as altas temperaturas mínimas (entre os 16 graos de Lugo e os 20 de Pontevedra), así como a acumulación de calor no asfalto das cidades durante as últimas xornadas fará que a sensación térmica sexa moito máis alta nestas urbes.
Situación moi diferente é a que experimentan comarcas do norte do país, como é o caso da Mariña. Así, Burela non pasará esta cuarta feira dos 23 graos, tendo unha mínima de 18, unha situación que está convertendo a zona nun auténtico 'refuxio climático' tanto entre a poboación galega como entre os e as turistas de fóra.

