O Telexornal dedica case 13 minutos á manifestación españolista e 3,43 á da sanidade

Apertura do bloque informativo dedicado á manifestación españolista de Madrid no Telexornal Mediodía do domingo 10 de febreiro.

O Telexornal Mediodía do domingo 10 de febreiro dedicou 12 minutos e 45 segundos de información á manifestación españolista en Madrid e tres minutos con 43 segundos á de Compostela en defensa da sanidade pública. O desequilibrio na cobertura atinxiu todos os campos: na escolla de declaracións, nos planos, nas explicacións en off.
 

Dos 13 minutos dedicados á manifestación españolista de Madrid, convocada por PP e Ciudadanos e á que se sumou a extrema dereita de Vox e outras organizacións menores, un minuto e 43 segundos foron o bloque de titulares. Cando arrincou o informativo, a locutora expuxo na entradiña o presunto éxito da protesta: “Agardábanse 20.000 persoas, finalmente foron máis”.

 

Planos xerais tomados con guindastre contrastaban cos planos a pé de rúa tomados da manifestación de SOS Sanidade Pública apoiada pola oposición parlamentaria en Compostela. Un xornalista seguiu desde o lugar a concentración madrileña e afirmou que estaba ateigada de “bandeiras e himno nacional, os símbolos que encarnan os valores da Constitución de 1978”.

 

Durante 40 segundos, os espectadores e as espectadoras do Telexornal Mediodía puideron escoitar os contidos do manifesto españolista, lido polos xornalistas María Claver, Carlos Cuesta e Albert Castillón. Sobre as reivindicacións dos manifestantes en defensa da sanidade pública, sintetizada nun texto ao que deu lectura a actriz Isabel Risco, nada souberon: a noticia non incluíu a súa voz.

 

Na peza de Madrid houbo espazo para cortes de Pablo Casado, presidente do PP, para Albert Rivera, líder de Ciudadanos, e mesmo para o cabeza visíbel de Vox, Santiago Abascal, e a súa esixencia de “suspensión da autonomía de Catalunya”. O presidente da Xunta e do PP galego fixo declaracións específicas á TVG e asegurou que pedía “dignidade para o pobo” nun acto “sen reaccións desmesuradas e sen crispación”.

 

A audiencia do informativo da TVG soubo que os líderes da oposición parlamentaria galega -Luís Villares de En Marea, Gonzalo Caballero do PSdeG, e Ana Pontón do BNG- asistiron á marcha contra os recortes sanitarios. Pero non puideron sentir nin a súa voz nin os seus argumentos. Si, porén, os do Goberno do PP: o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, ocupou case un minuto dos 3.43 dedicados en total á noticia. E coñeceron, apenas comezada a información, que o Colexio de Médicos se desmarcara da mesma cun comunicado.

 

Só cando transcorreran 15 minutos e 20 segundos do Telexornal, dedicados maioritariamente -agás uns tres minutos do bloque inicial de titulares que deron conta doutros contidos do programa- ao sucedido onte na Praza de Colón en Madrid, a TVG deixou escoitar a resposta do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Os 13 minutos dividíronse así no apartado de titulares, no dedicado á concentración -con mención especial para Feixoo e o PP galego-, nunha peza de contexto e máis nas declaracións de Sánchez.