Estudo sobre a pluralidade

As televisións españolas, sen opinións favorábeis ao referendo catalán

[Imaxe: Dani Candal] Papeletas do referendo do 1-O

O Consello do Audiovisual de Catalunya vén de publicar un amplo estudo en que analiza o pluralismo nos espazos de opinión das televisións. En 20 días de análise, canles como Telecinco ou a 24 Horas de TVE non incluíron nin unha soa persoa que defendese a lexitimidade do referendo catalán.

Durante 20 días o Consello Audiovisual de Catalunya analizou o contido dos faladoiros das televisións catalás e españolas que se reciben en Catalunya para ver en que medida son plurais. Dos dados do estudo “O pluralismo nos espazos de opinión da televisión” conclúese que TV3 foi a máis plural, mentres que TVE ou Telecinco son as menos corais. E é que neses 20 días, ningunha das dúas televisións incluíron nin unha soa voz favorábel ao referendo do 1 de outubro.

 

O diario ARA detalla os resultados do estudo, que sinala que nos faladoiros de TV3 un 55,4% das opinións eran favorábeis ao referendo ou defendían a súa lexitimidade. En cambio, en La 1, até o 97,9% das opinións negaron a lexitimidade e a legalidade do referendo e só o 2,1% admitía un dos dous supostos. TVE Catalunya foi máis plural que a matriz, pois o 64,7% das opinións negaron a lexitimidade e a legalidade do 1-O, fronte ao 31,4% que avalaron as dúas opcións e o 3,9% que defendeu só a lexitimidade.

 

En Antena 3 ofrecéronse un 97,3% de opinións que negaban a legalidade e lexitimidade do referendo e un 2,7% das persoas participantes defenderon ben a legalidade, ben a lexitimidade.

 

A canle española menos desequilibrada foi La Sexta, onde as opinións contrarias ao referendo foron o 77,5%, mentres que un 15% eran favorábeis e o 7,5% restante consideraban que a consulta era lexítima, mais non legal.

 

A mostra analizada entre o 11 e o 30 de setembro está integrada polos programas de actualidade de TV3; 3/24; TVE Catalunya; La 1; Canal 24H; Telecinco; Antena 3 e La Sexta. Estudáronse un total de 125 faladoiros e programas especiais. O traballo foi aprobado por unanimidade, aínda que o membro do Consello Daniel Sirera –proposto polo PP- criticou que o CAC analizara medios que non están baixo a súa competencia e deixara sen analizar outros como 8TV, Catalunya Radio ou RAC1.