A televisión pública holandesa documenta na Galiza a oposición veciñal a macroproxectos eólicos

Un equipo técnico da canle pública de Holanda desprazouse até Carballo.

A oposición veciñal que en non poucas comarcas galegas se está a organizar contra macro proxectos eólicos atopou receptividade na televisión pública holandesa. Adecom (Asociación de defensa da Costa da Morte) informa que un equipo técnico da televisión pública holandesa desprazouse a Carballo para cubrir as Xornadas Informativas sobre eólicos convocada pola Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra e Adecom canda outras entidades.

A intención, segundo Adecom, é incorporar a resposta veciñal na Galiza contra os macroproxectos eólicos á serie-documental "Cartas de España", dirixida por Stef Biemans, secuela da premiada serie "Cartas de Andalucía" que obtivo o Silver Nipkow Disk, o premio máis importante da televisión holandesa.

A Asociación de defensa da Costa da Morte colaborou activamente neste proxecto e de feito, informa, “unha compañeira escenificou a oposición da nosa bisbarra a este expolio mediante unha pequena toma que formará parte da metraxe final da serie”.

Contrapoñen os ambientalistas o facer da televisión pública holandesa coa da televisión pública galega, da que denuncian que “nin sequera se interesaron de momento” pola mobilización veciñal contra estes proxectos.

Máis de medio cento de persoas acudiron ás Xornadas Informativas, para coñecer e denunciar os macro proxectos eólicos cos que varias multinacionais pretenden –“coa complicidade da Xunta- asulagar a nosa bisbarra”. 

No micrófono, informa a asociación, sucedéronse as distintas voces críticas representando a cada colectivo, cada unha achegando a súa visión do mesmo problema, cunha idea en común: “non se está en contra da enerxía eólica coma concepto, senón de que se están proxectando con este enfoque neocolonial, onde o noso territorio se utiliza exclusivamente para xerar enerxía que se venderá a milleiros de quilómetros para que as empresas se queden cos beneficios (e ademais, multimillonarios), mentras que aqui só deixan prexuízos”.