'Tecendo o fío lila da historia', así é a nova campaña do 8-M de Galiza Nova

Presentación da campaña do 8-M de Galiza Nova esta terza feira en Ourense (Foto: Nós Diario).
Galiza Nova elixiu o Camiño da Igualdade do Campus de Ourense para levar a cabo a presentación desta campaña “para por en valor espazos que visibilizan a presenza das mulleres, do seu traballo e das súas loitas”.

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou esta terza feira a súa campaña para este 8 de marzo baixo o lema ‘Tecendo o fío lila da historia’ coa que pretenden facer “unha viaxe” ao longo da historia do movemento feminista galego desde as Cigarreiras na Coruña no 1831 até a loita das traballadoras da limpeza de Lugo, que veñen de conseguir unha suba salarial de 18% tras máis de 100 días en folga.

Tal e como salientou Sabela Méndez, Responsábel Nacional de Mulleres da organización “con esta campaña pretendemos vincular a historia do movemento feminista pondo en valor tres cuestións que non poden faltar no noso discurso: a tripla opresión que sufrimos as mozas galegas, a orixe obreira que ten a data do 8 de marzo e as nosas propostas actuais en materia de feminismo”.

Galiza Nova elixiu o Camiño da Igualdade do Campus de Ourense para levar a cabo a presentación desta campaña “para por en valor espazos que visibilizan a presenza das mulleres, do seu traballo e das súas loitas” explicou Méndez, “así como para reivindicar tanto a escasa existencia destes como a falta de referentes no noso país. É necesario coñecer a loita das mulleres ao longo da nosa historia, pioneiras en moitas ocasións, para que o seu labor sexa coñecido e seguir avanzando na conquista dunha Galiza feminista e dona de si”.

Divulgación

Durante a campaña, a organización xuvenil do BNG, fará unha labor de divulgación da historia do movemento feminista galego desde 1831 até a actualidade, tanto a través das redes sociais como con actividades formativas que organizarán nas diferentes cidades e vilas do país.

“Vai haber actividade nas sete cidades galegas e tamén noutras vilas do país tanto para divulgar a nosa mensaxe como para organizar a asistencia ás mobilizacións no propio 8 de marzo, nas cales estaremos xunto co resto do movemento feminista galego reclamando unha sociedade na cal vivir libres e iguais” finalizou Méndez.