Unha taxa ao turismo: necesaria ou aínda non é o momento?

Dous turistas tiran unha foto na praza do Obradoiro . (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O Concello de Santiago avoga por implantar unha taxa turística, gravame que xa se aplica noutros territorios, onde tamén hai debate sobre a súa utilidade.

A taxa turística, imposto do século XXI

Lois Lópes. Hostaleiro, presidente de Hostalaria.gal

O turismo converteuse nun fenómeno de masas a partir do último terzo do século XX, froito dun significativo aumento da renda en todas as capas sociais. Isto, unido a outros factores como a mellora das infraestruturas, a diversificación do tipo de aloxamentos e os voos baratos, provoca que, o que en principio sería unha democratización do dereito ao lecer e de acceder ao coñecemento visitando outras realidades se converta, en moitas ocasións, nunha masificación turística que crea problemas de xestión e convivencia nun bo número de cidades.

Hoxe o turismo significa o 11,1 % do PIB no Estado Español, o cal nos leva a tratar este tema con detemento pola súa inevitable transcendencia.

Santiago considérase como punto de grande afluencia turística. En agosto de 2022, a capital de Galiza rexistrou 1,15 visitantes por habitante, un dato que supera o de potentes destinos como Barcelona (0,44), Palma de Mallorca (0,77) ou Granada (0,64). Aínda así, non podemos falar dunha masificación turística en Santiago, mais si de saturacións puntuais na tempada estival ou en zonas da cidade como pode ser a contorna da Catedral, que poden causar desequilibrios na vida diaria da cidadanía. Temos que, polo tanto, tomar medidas ao respecto para non converter esta cidade Patrimonio da Humanidade nun museo turístico. Así, levamos anos falando,  sen solución polo momento, de ordenar os fluxos de visitantes tanto no tempo como no espazo. Debemos apostar por unha industria turística sostible, responsable e de calidade.

A primeiros do século XX implántase o imposto turístico en Francia e no que levamos de século XXI existe en 19 países dos 27 da Unión Europea. Os cinco países do mundo máis dependentes do turismo respecto do seu PIB, teñen este gravame implantado. É, polo tanto, unha tendencia que dificilmente se pode obviar ou cualificar de extravagante. Numerosos estudos salientan que este imposto non ten efecto disuasorio sobre os visitantes. É máis, resaltan a súa boa percepción por parte dos consumidores, facéndoos sentirse partícipes da comunidade que visitan e dos servizos que utilizan. A xustificación da aplicación do tributo é común a todos os países: manter e ampliar infraestruturas, manter e rehabilitar o patrimonio e o medio ambiente, impulsar accións que se entendan que pode mellorar a estancia dos visitantes á par que os do conxunto da cidadanía.

A industria turística é unha fonte de riqueza e emprego. Contribúe ao erario a través dos seus impostos directos e indirectos. Non podemos ter unha percepción de que é só unha actividade que repercute única e directamente nas contas de resultados das empresas do sector. Mais debemos apostar  por que os seus beneficios teñan un beneficio directo no conxunto da poboación.

Hostalaría.gal apoia a proposta que o Concello de Santiago fai á Xunta para a creación dun imposto turístico. Tendo en conta as diferentes dinámicas nos diferentes territorios de Galiza, apoia tamén a proposta que o imposto sexa de libre aplicación a decisión dos concellos, polo tanto é entendible que sendo voluntaria a recadación a administre que decide aplicala. 

Hostalaria.gal é partidaria de, sendo un novo esforzo para o sector, que vai executar a recadación a través de establecementos de aloxamento, o imposto reverta no propio sector a través de accións encamiñadas no dito anteriormente. 

Desvirtuaría a finalidade do imposto que se destinase a suplir o deficiente financiamento municipal, destinando estes fondos ao mantemento de servizos básicos que xa pagamos cos nosos impostos, no caso de Santiago progresivamente, quen máis consume máis paga.

Apostamos por que o destinos destes fondos se fagan en base a unhas liñas acordadas entre o sector, a administración municipal e outros sectores da sociedade a través dun ente plural que democratice o seu destino. Só así, o conxunto da cidadanía se sentirá beneficiado directamente desta actividade e minimizará as posibles molestias que esta poida ocasionar.


É factíbel un imposto local ao turismo? 

Investigadora na UCO, Revista Internacional  de Turismo

Desde 2012 está vixente en Cataluña, como imposto propio autonómico, un gravame sobre as estancias en establecementos turísticos que, como indica a súa propia denominación, grava a estancia que realiza o contribuínte en calquera dos establecementos ou equipamentos turísticos definidos pola Lei e situados no territorio desa comunidade. E, en 2016, as Illas Baleares volveu implantar un imposto sobre as estancias turísticas, moi similar ao que xa existira anos atrás nesta autonomía Un Informe da Comisión de Expertos da UE para a revisión do sistema de financiamento local explica que son dous os argumentos que, fundamentalmente, xustifican a implantación dun imposto local sobre estancias turísticas. Por unha banda, a posibilidade de esixir un imposto deste tipo débese a que "a estancia en hoteis ou establecementos de aloxamento análogos é un inequívoco signo de capacidade económica". E, por outra banda, a que "é moi razoable que os turistas contribúan, aínda que sexa modestamente, ao financiamento duns servizos dos que gozan, aínda que en menor medida que os residentes". 

Ademais, prosegue o informe, é posible explicar a oportunidade deste imposto local por motivos ambientais no sentido de que "resulta equitativo e eficiente que os turistas acheguen as cantidades necesarias para paliar o impacto que poden causar no medio ambiente". De feito, este cariz ambiental tivo especial importancia en relación cos homólogos impostos autonómicos catalán e balear. A pesar de que se pretendeu revestir de natureza extra fiscal (baseada na protección do medio ambiente) estes gravames, verdadeiramente, non son máis que impostos cunha clara finalidade recadatoria cuxos ingresos están afectos a un determinado fin ou obxectivo como é o desenvolvemento dun turismo sostible mediante a dotación dun fondo para o fomento do turismo, no caso catalán, e un fondo para favorecer o turismo sostible, no balear. 

A este respecto, convimos en que a fusión destes dous obxectivos, turismo e medio ambiente, no sentido de afectar os ingresos derivados do imposto,podería ser a mellor forma de evitar calquera efecto negativo non desexado (como o decrecemento da demanda turística). Polo que respecta ao prexuízo no sector do aloxamento, este podería deberse á perda de beneficio que pode ter lugar se os consumidores reducen a súa demanda en resposta ao aumento do prezo do aloxamento ocasionado pola aplicación dun imposto deste tipo (por exemplo, reducindo o número de noites que permanecen no establecemento turístico ou elixindo outras alternativas de aloxamento ás que corresponda un tipo de gravame máis baixo ou ás que estes impostos non afecten, como podería ser a estancia con amigos ou familia ou a reserva de aloxamentos a través de plataformas en liña de economía colaborativa (Airbnb). 

Ante tal circunstancia, os titulares dos establecementos turísticos, dependendo da elasticidade da demanda dos turistas, deberían decidir entre deixar que o consumidor asumise a totalidade da carga do imposto, arriscándose a unha posible redución da demanda e, en consecuencia, dos seus ingresos, ou ben, reducir os prezos das habitacións que ofertan para aliviar o sobrecusto que soportaría o consumidor, o que, ao cabo, suporíalles unha minoración da súa marxe de beneficio. 

Ademais, outros segmentos do sector do turismo tamén poderían verse afectados indirectamente por esta imposición se os turistas respondesen a ese aumento do prezo da estancia reducindo o gasto noutros servizos turísticos como os de hostalería ou entretemento.

 

International Journal of Scientific Management and Tourism É factible a implantación dun imposto sobre estancias turísticas?