Ecoloxistas urxen paralizar os proxectos de renovábeis até avaliar "con extrema cautela" o impacto nas aves

A poboación da tartaraña cincenta, Ave do Ano 2023, caeu considerabelmente nos últimos anos. (Foto: Europa Press)
"As administracións son responsábeis desta situación, da que son perfectamente coñecedoras", afirman desde o Grupo Ibérico de Tartarañas, aludindo aos estudos de impacto ambiental elaborados para parques eólicos e solares, que consideran "superficiais e insuficientes" e "carentes dunha calidade técnica mínima".

O Grupo Ibérico de Tartarañas (GIA, polas siglas en castelán co nome 'aguilucho' para a ave) alertou esta sexta feira a través dun comunicado de que o aumento de autorizacións de proxectos eólicos e solares pon "ao bordo da extinción" dúas especies de tartaraña, pois implicarían a desaparición dalgúns dos seus hábitats e zonas de nidificación. Para evitalo, exixen ás diferentes administracións que os Estudos de Impacto Ambiental (EIA) elaborados no marco destes proxectos para avaliar os seus potenciais impactos "teñan en conta estas aves".

A tartaraña cincenta (Circus pygargus), elixida Ave do Ano 2023 na votación popular impulsada por SEO/BirdLife, e a gatafornela (Circus cyaneus) son as dúas especies de aves rapaces, ambas con presenza na Galiza, polas que este colectivo teme. Segundo os datos do GIA, os seus efectivos poboacionais descenderon por volta de 25% no período 2006-2017, no caso da tartaraña cincenta, e perto de 34-45% no caso da gatafornela.

Desde a organización alegan que tras as causas deste declive hai "unha combinación de factores", entre as que, alén dos cultivos intensivos, tamén se atopan as instalacións de produción enerxética, que provocan a deterioración dos seus hábitats de nidificación e alimentación. Por isto, a organización teme que "calquera ameaza adicional", como a posíbel autorización a 77 parques eólicos —xa con permiso ambiental— o próximo 25 de abril por parte da Xunta, poida desencadear nun "vertixinoso declive" do número de exemplares que sitúe estas especies "ao bordo da extinción" en todo o Estado español.

A organización entende que a tramitación de grandes centrais de produción de enerxía eléctrica, tanto eólicas como solares, debería ser "avaliada con extrema cautela e minimizada ao máximo". O GIA lembra que o macizo central galaico, de particular interese para a gatafornela, é o lugar no que se situarán "practicamente todos os desenvolvementos eólicos dos dous terzos sur da Galiza", e que estes poderían "solaparse con zonas de nidificación".

Os ecoloxistas consideran que a actual adxudicación e desenvolvemento dos novos proxectos "non está a ser adecuada". O grupo critica os Estudos de Impacto Ambiental realizados polas administracións, dos que aseguran que non teñen "unha calidade técnica mínima" no que respecta a este grupo de aves, debido a un "traballo superficial e insuficiente". Neste senso, o colectivo declara que é "imprescindíbel" unha avaliación conxunta das diversas propostas no mesmo territorio no que atinxe ao impacto deste tipo de instalacións sobre as dúas especies.

Paralización temporal dos proxectos

O GIA asegura que a situación para estas especies vulnerábeis "é tan delicada" que a perda dun único territorio sería xa "un dano irreparábel". Esta situación leva o colectivo a exixir a paralización temporal de todos os proxectos de plantas solares e eólicas do Estado até que exista "unha avaliación ambiental estratéxica conxunta", con especial atención á situación destas dúas aves "cando as instalacións eléctricas estean en zonas de importancia para a reprodución das mesmas".

Exixencia esta última que a organización traslada nun comunicado que remitiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e ás respectivas consellarías das comunidades autónomas que, asegura, "son responsábeis desta situación, da que son perfectamente coñecedoras".

O "dano irreparábel" que causan a especies "prioritarias para enfrontar o reto climático" será tamén una da reclamacións coas que, o próximo 23 de abril, a coordinadora galega 'Eólica, Así Non' tratará de paralizar a aprobación de 77 parques eólicos, cunha mobilización ás portas do edificio da Xunta.