Gastronomía e erotismo converxen nun concurso de tapas de Monforte

Á esquerda, 'O figo chorréame', a tapa que levou o primeiro posto; á dereita, 'Goza do Rabo', que ficou en segundo lugar. (Fotos: Apehl)
'O figo chorréame' foi a tapa máis valorada na votación popular.

Quen dixo que gastronomía e erotismo non poden ir da man? Após dous anos de ausencia por mor da pandemia da Covid-19, este verán voltou aos bares de Monforte o concurso 'Cume Tapas Erótico', organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl).

A edición deste ano, aliás, está dedicada ao amor e a diversidade de xénero, precisaron desde a organización, a fin de "subliñar a importancia do erotismo e a liberdade de orientación sexual", así como combater os prexuízos.

A diferenza doutras ocasións, desta vez non houbo xurado profesional e a decisión recaeu exclusivamente na veciñanza que catou estes peculiares pratos.

Esta sexta feira —ás 19 horas, no Centro do Viño da Ribeira Sacra (Monforte)— entregaranse os premios aos hostaleiros que resultaron gañadores por votación popular.

Un menú suxerente

O primeiro posto outorgouse a 'O figo chorréame', unha tapa na que o froito brando e doce da figueira é o protagonista cunha suxerente presentación. Foi elaborado polo estabelecemento Adega de Carlos.

En segundo lugar ficou 'Goza do Rabo', un prato elaborado por MC no que o polbo se mestura co grelo e a pataca baixo unha capa de salsa.

Por último, na terceira praza a veciñanza situou 'Volaván ardente', unha sobremesa da Confitaría Moure para dar un toque doce ao concurso como colofón.