CCOO presenta o informe sobre dependencia

Tan só dúas de cada 10 prazas de atención residencial son públicas

Imaxe da presentación do informe na sede de CC.OO. (Foto: Europa Press)
A responsábel de emprego de Comisións Obreiras (CCOO), Maica Bouza, foi a encargada de presentar hoxe o informe “O modelo de atención á dependencia na Galiza: prestacións e emprego”.

O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO) presentou na terza feira o seu informe sobre a asistencia residencial a persoas dependentes, "O modelo de atención á dependencia na Galiza: prestacións e emprego".

Segundo este documento, só dúas de cada 10 prazas de atención residencial a persoas dependentes son públicas, á vista das cifras do sindicato, que sitúa en 17.652 as que están "en mans privadas", dun total de 22.753.

Segundo os datos de CCOO, na Galiza hai 62.041 prestacións á dependencia recoñecidas e 5.219 en listaxe de agarda, na opinión do sindicato, como "resultado da lenta posta en marcha da lei e tamén dos recortes do PP".

A responsábel de CCOO censurou que "en vez dunha aposta" por este servizo, o que se fixo foi "reasignar o tipo de prestacións e, cada vez máis, unha adxudicación de máis baixo custo", como a "teleasistencia" e as "medidas de prevención" que son, dixo Bouza, "as máis baratas" que se ofrecen "desde o sector público.

Non obstante, advertiu que "nas mans da iniciativa privada" quedan "os servizos máis caros, como a atención residencial", pese a que "a lei dicía que se priorizarían os servizos públicos". A xestión das residencias que eran da Xunta "foi privatizada", advirte. 

Xunto a Maica Bouza compareceu a auxiliar de axuda a domicilio, Carme Villar, que criticou a ausencia dun protocolo unificado no sector para facerlle fronte á Covid-19 e que asegurou que "as PCR non están a funcionar" e unicamente se realizan cando un concello entra no nivel vermello da alerta.

A auxiliar tamén denunciou a proliferación de "ERTE ilegais e unha chea de suspensións de servizos por medo ao contaxio".