Tachan de "asasinato racista" a morte a tiros dun home a Coruña

Lugar onde un home de 35 anos recibiu os disparos da Policía. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Os colectivos SOS Racismo Galiza, Casa da Comunidade Aluandê, Foro Galego de Inmigración, Asociación de Mobilidade Humana, Asociación Galega do Colectivo Mexicano e Resistencia en Terra Allea denuncian "un racismo interiorizado e sistémico" nas institucións.

O movemento antirracista da Galiza cualifica de "asasinato racista" a morte dun "mozo migrante negro", de 35 anos, por disparos da Policía o pasado día 25 no Polígono da Grela, na Coruña.

Os colectivos SOS Racismo Galiza, Casa da Comunidade Aluandê, Foro Galego de Inmigración, Asociación de Mobilidade Humana, Asociación Galega do Colectivo Mexicano e Resistencia en Terra Allea denuncian nun comunicado conxunto o que consideran "un asasinato racista a mans das forzas de seguridade do Estado español". E precisan: "Tanto a brutalidade policial neste caso como o trato nos medios son unha representación da violencia e o racismo sistémico".

Actuación policial

As entidades antirracistas cuestionan o relato e a actuación policiais. Remarcan as dúbidas que ofrecen dúas versións que entenden contraditorias, unha primeira que apuntaba "un disparo 'accidental' dirixido ás pernas como medio de inmobilización, xa que o suxeito escapaba" e a última, "na que destacan a necesidade de defensa propia pola agresividade do 'delincuente'". Mais tamén critican a intervención dos axentes que, segundo as súas explicacións, "se atoparon 'sen outra opción' que utilizar unha violencia extrema e letal mediante o uso de armas de fogo con resultados mortais".

O movemento antirracista fala dunha actuación "desproporcionada" contra unha persoa "soa nun polígono e illada de calquera outro civil para facer dano", polo que exixe "unha investigación exhaustiva, xunto coa depuración das responsabilidades políticas competentes".

Tratamento nos medios

Por outra parte, os mesmos colectivos rexeitan "que os negros e latinos" sexan sinalados polos medios "como máis violentos, o que constitúe unha das xustificacións racistas do uso desproporcionado de medidas coercitivas". Critican, ademais,  o uso recorrente do termo "abater", unha escollan, din que só cabe para "lexitimar a letal forza bruta empregada pola Policía".

As vidas negras, xitanas, migrantes e racializadas si importan, conclúe o movemento antirracista, cuxo dereitos reivindican fronte a "un marco institucional e policial de supremacía branca, racista e colonial" que "autoriza casos de brutalidade policial coma este".