Suspendidos os concertos da Peregrinación Europea no Obradoiro após caer parte do teito do escenario

O escenario do Obradoiro, esta cuarta feira. (Foto: Arxina / Europa Press)
Un voluntario resultou ferido por mor do accidente.

Os concertos previstos na Praza do Obradoiro, no marco da Peregrinación Europea de Mozos de 2022 que decorre estes días en Santiago de Compostela, foron suspendidos polo derrubamento dunha parte do teito do escenario situado na praza.

Fontes da organización consultadas por Europa Press explicaron que na tarde da cuarta feira, debido aos refachos de vento que se rexistraron, desprendeuse unha parte do teito do escenario, ferindo aliás un voluntario.

O mozo, que foi trasladado ao hospital por precaución, está ben, aínda que presenta algunhas rascaduras no xeonllo "producidas na caída, e non polo golpe", matizan desde a organización.

Este imprevisto obrigou ademais a mudar a localización do acto inaugural, que finalmente decorreu na fachada principal da Catedral de Santiago.

Por seguridade, explican, estimaron que o mellor era suspender os actos previstos para ese escenario, xa que non estaban "seguros" de como evolucionarían os ventos nin a suxeición do resto da estrutura.

Tamén por precaución decidiron valar os arredores do escenario, polo que non todos os mozos e mozas puideron acceder ao acto de inauguración. Até que as actividades se trasladen ao monte do Gozo o día 6 de agosto, tal e como estaba previsto na organización inicial, os concertos decorrerán no parking de Salgueiriños.

Queixas veciñais

Estes eventos decorren en medio de múltiples queixas de veciños e veciñas da capital galega que protestan polo "ruído e suciedade" que deixan ao seu paso estes grandes grupos de persoas.