Xustiza

Suspendido en Lugo o xuízo contra dous caseiros acusados de ameazar unha inquilina cunha machada e unha barra de ferro

#chave #casa #vivenda #piso #aluguer #alugueiro #inquilino #caseiro #hipoteca (Foto: Nós Diario)
Os imputados, de 80 e 98 anos, comezaron a golpear a porta do domicilio, proferindo á inquilina, que debía varias mensualidades, unhas ameazas que figuran recollidas no escrito fiscal nos seguintes termos: "Voute abrir en canal coma un cocho!".

O xuízo oral que debía acoller esta segunda feira o Xulgado do Penal número 2 de Lugo contra unha parella de caseiros acusados de ameazar presuntamente cunha machada e unha barra de ferro a unha inquilina que lles debía varias mensualidades foi suspendido por mor da folga de letrados da quenda de oficio.

Na vista, que deberá ser reprogramada, dirimirase a responsabilidade penal dos dous imputados, para quen a Fiscalía solicita unha pena de 20 meses de multa cunha cota diaria de seis euros —é dicir, uns 3.600 euros en total para cada un— por un presunto delito de coaccións.

Os feitos tiveron lugar, de acordo ao recolleito no escrito de acusación, na tarde do 15 de setembro de 2020, cando os propietarios dun piso situado na cidade amurallada compareceron no inmóbel no que vivía de alugueiro unha muller —que, segundo a información transcenddia, debería varias mensualidades— para exixirlle que abandonase a vivenda.

Os imputados, de 80 e 98 anos, comezaron entón a golpear a porta de entrada ao domicilio "cunha barra de ferro e un machada", proferindo á inquilina unhas ameazas que figuran recollidas no escrito fiscal nos seguintes termos: "Voute abrir en canal coma un cocho!".

Os feitos, que o Ministerio Fiscal considera constitutivos dun delito de coaccións e polos que solicita tamén a apertura dunha peza separada de responsabilidade civil, serán xulgados proximamente na sala de vistas do Xulgado do Penal número 2 de Lugo.