Suspendidas as misas e outras celebracións até despois de Semana Santa

Suspéndense misas e outras celebracións relixiosas até despois de Semana Santa.

A Igrexa acordou suspender as celebracións comunitarias e públicas da misa “até ser superada a actual situación de emerxencia”. Porén, os sacerdotes continuarán de maneira diaria coa Eucaristía e “un pequeno grupo de fieis” poderá seguir asistindo.

Os bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela acordaron dispensar os fieis da asistencia ás misas e eucaristías e instan a seguilas "por radio ou televisión, así como por Internet" para frear a expansión do coronavirus. Esta e outras medidas serán "temporais" e "estarán en vigor en principio até despois de Semana Santa".

A través dun comunicado, os bispos aseguran que “os templos das nosas dioceses seguirán abertos, a menos que as autoridades sanitarias digan o contrario, como signo de esperanza e a disposición dos fieis para que poidan ir rezar, sen aglomeracións e vivir no silencio estes momentos difíciles", engaden.

En canto aos funerais, poderán celebrarse como exequias sen misas, que poderán ter lugar tras a crise sanitaria ou só cos familiares máis achegados. Tamén se pospoñen até despois de Semana Santa as celebracións de aniversarios, confirmacións, catequeses, encontros parroquiais e "calquera outra celebración que non sexa urxente".

No día de onte, o Consello da Xunta da Galiza fixaba condicións para os funerais: aforo máximo de un terzo do tanatorio e o cortexo de acompañamento fúnebre non pode superar as 25 persoas.

Permanecerán pechados ao público os museos, as bibliotecas e os arquivos dependentes das dioceses.