Suspéndese o xuízo a Chema Naia por cuestións técnicas

Concentración diante dos xulgados de Compostela en apoio a Chema Naia (Nós Diario)

O xuíz tomou a decisión no momento de iniciar a práctica da proba, ao non ser posíbel reproducir ao mesmo tempo un vídeo na sala de vistas e no ordenador desde o cal os axentes denunciantes declaraban como testemuñas. O xuízo continuará o vindeiro 1 de marzo.

A non presencialidade dos axentes de policía e a falta de recursos técnicos nos xulgados de Compostela motivou a suspensión do xuízo de Chema Naia, acusado dun presunto delito de atentado contra a autoridade do despexo do Centro Social Escárnio e Maldizer, até o 1 de marzo.

Antes do inicio da vista, un cento de persoas concentráronse ás portas dos xulgados de Fontiñas en apoio do activista. No interior, na vista abordáronse cuestións previas propostas pola defensa e a acusación particular pediu que nos se admitiran como proba uns vídeos que mostraban o sucedido naquela altura. O xulgado rexeitou a proposta e admitiu a proba da defensa.

Logo, no momento de iniciar a práctica da proba, non foi posíbel reproducir ao mesmo tempo un vídeo na sala de vistas e no ordenador desde o cal os axentes denunciantes declaraban como testemuñas.

Por esta causa, o xuízo tivo que suspenderse, de forma que os axentes serán citados para a súa comparecencia presencial o vindeiro día 1 de marzo.

Problemas para acceder ao xuízo

Desde o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, Esculca, critican que os axentes da Gardia Civil “intentaron prohibir o acceso de parte do público á vista, descoñecendo así o dereito a un xuízo público, que é un dereito fundamental recollido na constitución”.

Ademais, non entenden que “a administración de xustiza , dependente da Xunta da Galiza, non conte cos medios informáticos axeitados para celebrar as vistas coas garantías necesarias”.

Alertan dos obstáculos de declarar a distancia

Esculca tamén advirte de que “o criterio de permitir que as testemuñas da defensa podan declarar a distancia, en particular cando se trata de axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, obstaculiza o principio de inmediación que informa a práctica da proba e impide verificar as normas procesuais que regulan a práctica da proba”. Neste caso, poñen como exemplo, “a prohibición de que as testemuñas presencien as declaracións das outras testemuñas”.

A avogada de Chema Naia, Xulia Álvarez Martín, coincide nesta apreciación. “Se os policías estiveran na sala non se tería suspendido”, asegura a Nós Diario.

A letrada engade que a posibilidade de declarar a distancia “ten outras vantaxes para eles ao non saber nós onde están e quen escoita a súa declaración, non pode ser que se contaminen unhas testemuñas coas outras”. Alén diso, para Álvarez “non é o mesmo falar diante dunha persoas que diante dunha cámara”. Por este motivo agarda que na vista o día 1 de marzo acudan presencialmente ao xulgado de Compostela.