Suspenden polo mal tempo a busca dos mariñeiros naufragados no Canadá

Lugar onde naufragou o 'Vila de Pitanxo', esta cuarta feira, mentres proseguen os labores de rescate (Foto: JRCC Halifax).
As autoridades canadenses non confirman cando retomarán as tarefas de salvamento.

Salvamento Marítimo vén de informar a Europa Press que sobre ás 21 horas na Galiza o Centro de Coordinación de Rescate de Halifax suspenderá o operativo de busca e rescate dos 12 mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' durante a terza feira.

A falta de luz e o mal estado do mar serían os motivos que levarían a tomar esta decisión. Salvamento Marítimo tamén recoñece que as autoridades canadenses non saben cando poderán retomarse as tarefas de rescate.

Após máis de 48 horas desde que tivo lugar o naufraxio, foron rescatados con vida tres mariñeiros do pesqueiro, e puideron ser recuperados 9 corpos dos seus compañeiros.

Nun primeiro momento os servizos de rescate falaran de dez falecidos confirmados, mais despois matizaron que se trataba dun erro de notificación, xa que se contabilizou un dos finados dúas veces.

Condicións meteorolóxicas adversas

Desde o momento do naufraxio, as condicións climatolóxicas condicionaron negativamente os esforzos de busca dos mariñeiros desaparecidos. 

Segundo reportou Salvamento Marítimo, as condicións climatolóxicas na zona eran extremas, con ventos de 60 km por hora, "mal mar e visibilidade reducida", con ondas de até 5 metros e cunha temperatura da auga que nesta época oscila entre os dous e catro graos. Asemade, Meteogaliza sinala que esa rexión está na traxectoria de paso das borrascas, o que aumenta a inestabilidade do tempo. 

No día de hoxe, as baixas temperaturas volveron a condicionar os labores de busca dos doce mariñeiros que aínda están desaparecidos. O Gran Banco de Terranova rexistra -7ºC e a sensación térmica pode chegar aos -17ºC. Ademais, os refachos de vento superan os 70 quilómetros por hora e as ondas alcanzan os cinco metros de altura.

Primeiros recoñecementos dos falecidos

O Ministerio de Asuntos Exteriores de Perú confirmou que, entre os corpos recuperados no naufraxio do 'Vila de Pintaxo', atópanse catro tripulantes de nacionalidade peruana e un máis con dupla nacionalidade española-peruana.

Dos 24 tripulantes que que traballaban no barco pesqueiro, un total de dez tiñan a nacionalidade peruana. Cinco deles seguen desaparecidos no mar de Terranova.