Os rescatistas matizan que son 9 e non 10 os falecidos confirmados no naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Un dos helicópteros de rescate que proseguen a busca dos mariñeiros desaparecidos (Foto: JRCC Halifax).

Salvamento Marítimo informou nas súas redes sociais que son 9 e non 10 os mariñeiros falecidos confirmados polo de agora tras o naufraxio do pesqueiro de Marín 'Vila de Pitanxo' a 450 quilómetros da costa de Terranova.

"Actualización de HRCC Halifax: Informa que a situación é de 3 sobreviventes e 9 corpos rescatados (12 desaparecidos)", sinalou Salvamento Marítimo.

A institución explicou que este cambio vén dado de que nun primeiro momento contabilizouse dúas veces un dos mariñeiros finados.

O dispostivo de busca segue na procura dos 12 desaparecidos. Coordinado polo Centro Nacional de Coordinación de Salvamento en Madrid y el Joint Rescue Coordination Center Halifax, nel participan as embarcacións das autoridades canadenses e oito buques galegos españois e portugueses que se atopaban cerca da zona no momento do naufraxio.

Cronoloxía do naufraxio 

Ás 5.24 horas da terza feira (00.24 no Canadá), o pesqueiro 'Vila de Pitanxo', con base en Marín e que faenaba a 450 km da costa canadense de Terranova, emitiu dúas alertas de emerxencia, unha por medio dunha radiobaliza e outra por medio dunha chamada selectiva dixital, tras o que foi imposíbel contactar co buque.

Media hora despois, a caixa azul do navío de 50 metros de eslora, que se atopaba en Terranova pescando fletán, deixou de enviar a súa localización, transmitiu onte a Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra

Segundo reportou Salvamento Marítimo, as condicións climatolóxicas na zona eran extremas, con ventos de 60 km por hora, "mal mar e visibilidade reducida", con ondas de até 5 metros e cunha temperatura da auga que nesta época oscila entre os dous e catro graos. Asemade, Meteogaliza sinala que esa rexión está na traxectoria de paso das borrascas, o que aumenta a inestabilidade do tempo. 

No día de hoxe, as baixas temperaturas seguen a condicionar os labores de busca dos doce mariñeiros que aínda están desaparecidos. O Gran Banco de Terranova rexistra -7ºC e a sensación térmica pode chegar aos -17ºC. Ademais, os refachos de vento superan os 70 quilómetros por hora e as ondas alcanzan os cinco metros de altura.