Denuncian que un surto de escarlatina en Lalín non pode ser atendido por falta de pediatras

Centro de Saúde en Lalín (Foto: Google).
Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, achegan o testemuño de E.R.V., un usuario do PAC de Lalín que denunciou a situación.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) tivo coñecemento dunha nova situación de “desatención” provocada, segundo indican “polo maltrato sistémico e sostido que vive o sistema sanitario desta área sanitaria, e neste caso, unha vez mais, a Atención Primaria pediátrica”.

Nun comunicado, a Asociación asegura que “ao longo da última semana téñense detectado, cando menos, catro casos de escarlatina en Lalín e arredores que non están podendo ser diagnosticados e, consecuentemente tratados, adecuadamente”.

De acordo coa súa versión, a razón pola que isto se está producindo “non é mais que, por un lado, a ausencia sostida de pediatras no Centro de Saúde e no PAC de Lalín, no cal nin pola tarde nin os fins de semana se dispón de medicina pediátrica e, por outro, a rotura de ‘stock’ de tests diagnósticos, moi probabelmente pola deficiente previsión por parte das persoas e departamentos responsábeis de aprovisionamento de medicamentos e artigos médicos nesta Área Sanitaria”.

O testemuño

Aemais, desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, achegan o testemuño de E.R.V., un usuario do PAC de Lalín que denunciou a situación:

“O sábado 11 de febreiro acudo ao PAC de Lalín co meu neno de oito anos que presenta sintomatoloxía compatíbel con escarlatina e ademais é altamente probábel que o sexa porque o seu irmán pequeno está con esta infección desde hai dous días. No caso do pequeno, acudimos ao centro médico durante a semana e pola mañá, razón pola que foi atendido por unha pediatra como corresponde”.

“Con todo, a atención foi incompleta ao non poder ser confirmado o diagnóstico mediante test de Streptococcus do grupo A, xa que segundo nos din os facultativos, desde hai días non os teñen en ningún centro de atención primaria, nin nos PAC. Porén,  como a clínica que presenta é clara, considérase como tal. Dous días despois, o maior comeza a presentar os mesmos síntomas, polo que acudimos ao PAC por ser sábado”, manifesta E.R:V.

O usuario continúa o seu testemuño alegando que “chegamos alí, encontrámonos sen pediatra e cun médico de garda cuxa intervención se limita a indicarnos que tome antibiótico sen ter un diagnóstico claro por falta de auscultación e por non dispor de test. Pedímoslle que nos derivase a urxencias do CHUS para poder facerlle o test e unha diagnose adecuada, petición que nos é rexeitada, polo que decidimos de maneira unilateral acudir ao servizo de urxencias pediátricas do Clínico, para asegurar o diagnóstico e proceder co tratamento adecuado sen acceder ao uso irracional de antibióticos, en caso de que non se confirmase a infección”.

“Chegamos a urxencias do CHUS  e fomos tratados de maneira moi profesional así como testemuñas da sobrecarga á que están sometidos os insuficientes facultativos do servizo de urxencia pediátrica. A chegada foi en torno ao mediodía e obtivemos os resultados ás 17 horas. Case cinco horas nas que os nenos infectados estiveron na sala de espera con outros nenos e nenas, co risco de coinfeccións que iso representa”, denuncia o afectado.

Finalmente, E.R.V. indica que “no período de tempo que estivemos alí vimos como chegaba un neno máis da mesma zona coa mesma sintomatoloxía, alegando tamén que non tiñan sido atendidos por pediatría no PAC de Lalín, porque non o había. Finalmente, o noso neno saíu positivo na infección por estreptococo do grupo A, causante da escarlatina e só puidemos confirmalo, desprazándonos a 70 quilómetros da nosa casa (pois vivimos en outro concello do Deza que non é Lalín) cando tiña que ter sido feita a 15 quilómetros”.

Vulneración da atención

Desde a Asociación alertan da situación manifestando que “ao igual que esta persoa todas as que acoden en busca de atención urxente pediátrica na comarca do Deza (con unha poboación total de máis de 40.000 persoas e dous Puntos de Atención Continuada activos, Lalín e Silleda), vén vulnerado sistemática e reiteradamente o seu dereito á atención sanitaria de calidade e no tempo requirido, pondo en grave risco a saúde de toda a poboación pediátrica”.

“Resulta intolerábel e inmoral que as autoridades sanitarias competentes, en lugar de cumprir as súa obriga legal de pór os medios precisos para a defensa da saúde da infancia nas zonas de atención primaria previstas para iso, creen nunha guerra de competencias que ten como resultado a inactividade fronte á demanda de atención sanitaria que non pode, nin debe ser o escenario dunha guerra partidaria que usa a nosa saúde como campo de batalla e nos convirte en mercancía electoral”, conclúen desde a Asociación.