Xustiza

Carpetazo xudicial ao dobre crime do Cash Record: 30 anos despois, quedará sen resolver

O acusado, Manuel Juan Vilariño, durante a xornada de conclusións do xuízo do dobre crime do Ceao, na Audiencia Provincial de Lugo, o pasado 10 de febreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Supremo ratifica a absolución do único acusado dos dous asasinatos no Cash Record do Ceao, en Lugo, en 1994, Manuel Juan Vilariño.

O Tribunal Supremo inadmitiu o recurso de casación interposto pola acusación particular do caso do Cash Record e confirma así a absolución do único acusado, Manuel Juan Vilariño, polo asasinato dunha caixeira e un repoñedor deste estabelecemento en 1994. O auto de inadmisión afirma que a Audiencia "deu cumprimento ao seu deber de motivación" e, ao tempo, "deu satisfacción, paralelamente, ao dereito á tutela xudicial efectiva que asiste as partes".

"En efecto, a Audiencia, no relato fáctico da sentenza recorrida, afirma que, sobre as 20 horas do 30 de abril de 1994, persoa ou persoas non identificadas entraron no estabelecemento de distribución ao por maior Cash Record e mataron con arma de fogo a M.E.L.R., caixeira do establecemento, e E.C.T., repoñedor, levándose a recadación do local, próxima a 3.777.026 pesetas, e fuxindo inmediatamente do local", expón.

A continuación, sinala que para obter esta convicción, a Audiencia valorou "con rigor" as probas de que dispuxo, "fundamentalmente a proba testifical". Ademais, razoa que, dos datos achegados polas testemuñas, "non pode chegarse a unha conclusión plena sobre a identidade do agresor e, en concreto, sobre a presenza do acusado no momento e lugar dos feitos".

Considera tamén que os razoamentos da Sala de instancia "se compadecen coas regras da lóxica e as máximas da experiencia, sen que poidan cualificarse de arbitrarios nin tendenciosos, pois se considera que estamos ante meras sospeitas, que non chegan á condición de indicios, porque moitos dos datos achegados teñen outra explicación diferente á que pretende darse".

"A Audiencia, en fin, ten unha dúbida razoábel e fundada a respecto da autoría dos feitos e dita, como non podía ser doutra maneira, sentenza absolutoria", resolve o Tribunal Supremo, que acorda que non hai lugar á admisión do recurso de casación contra a sentenza ditada pola Audiencia Provincial de orixe nesta causa e impón as costas do recurso á parte recorrente.

Absolto en primeira instancia

O pasado mes de marzo a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu o acusado por este crime, xa que "ningunha proba, nin sequera indicio, coloca o procesado no polígono do Ceao a noite que sucederon os feitos". Con todo, no fallo xudicial, o tribunal fixo constar carencias na instrución do caso, ocorrido en 1994 e que chegou a xuízo case 30 anos despois, en virtude da "encomiábel" acción da acusación particular ante unha instrución "deficiente".

O tribunal incidía na sentenza en que "non existe proba suficiente que o sitúe o día dos feitos no lugar do crime" e nunha das súas conclusións tras debullar os aspectos que levaron a xuízo, lembra que na vista "non se xulga a persoa do procesado, nin o tipo de vida que levaba, nin sequera se era un home que vivía de costas á lei, senón se ese día entrou no Cash Record, matou as dúas vítimas e apoderouse da recadación".

Ademais, os maxistrados da Audiencia Provincial de Lugo afirmaron que "nin sequera no seu conxunto" se pode apuntar "de maneira indubitada, tal e como exixe unha resolución penal", ao procesado como autor dos feitos polos que se lle xulga", o que motiva a absolución nun caso no que a Fiscalía non acusou.