Xustiza

O Supremo rexeita rebaixar a pena a un condenado por explotación sexual que alegou que a súa parella "xa se prostituía antes"

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid. (Foto: Nós Diario)
O home encargábase de vixiar que ela cumprise con tal labor e, cando non podía, delegaba esta función de vixilancia a outro home de nacionalidade romanesa que non tiña antecedentes penais. El quedaba co diñeiro recadado. Aliás, obrigouna a "manter relacións sexuais diarias pola mañá á primeira hora e cando acababa a xornada laboral", segundo a sentenza. Para iso, ameazábaa con esnaquizarlle a cara e dicíalle que se o denunciaba ía matala.

O Tribunal Supremo vén de rexeitar a rebaixa da pena a un home condenado por explotación sexual que alegou que a súa parella "levaba exercendo libremente a prostitución 20 anos e seguiuna exercendo durante os seis anos" nos que mantiveron a súa relación sentimental. Os maxistrados da Sala do Penal explicaron que dedicarse á prostitución non é delito, pero si o é obrigar unha persoa —a través da violencia, a intimidación ou o abuso de superioridade— a exercela.E, segundo recolle a sentenza, iso é o que ocorreu neste caso.

Os feitos remóntanse a 2019, cando o acusado, un cidadán romanés condenado en ocasións anteriores por delitos de lesións, ameazas e ameazas no ámbito da violencia de xénero, púxose en contacto coa súa ex parella ao saír de prisión para pedirlle que se desprazase a Lugo  "baixo a ameaza de que, de non acceder, iría buscala e esnaquizaríalle a cara".

A muller, que estaba neses momentos en Monforte de Lemos, acudiu ao seu encontro e ambos os dous comezaron a vivir xuntos, primeiro nun hostal e logo nunha casa abandonada. Segundo os feitos probados, desde finais de abril e até mediados de maio de 2019 o acusado obrigouna a "manterse na prostitución". O home encargábase de vixiar que ela cumprise con tal labor e, cando non podía, delegaba esta función de vixilancia a outro home de nacionalidade romanesa que non tiña antecedentes penais. El quedaba co diñeiro recadado.

Violacións, ameazas e malleiras

Á marxe, nese período o acusado tamén a obrigou a "manter relacións sexuais diarias pola mañá á primeira hora e cando acababa a xornada laboral". Para iso, ameazábaa con esnaquizarlle a cara e dicíalle que se o denunciaba ía matala. As agresións e a explotación sexual continuaron até o 15 de maio, cando o home, tras pelexar coa muller por teléfono, achegouse ao lugar onde ela exercía a prostitución e levouna a unha pequena rúa na que lle pegou, tirouna ao chan e deulle "puñadas e patadas" mentres lle dicía "que lle ía desfigurar a cara e que ninguén a ía querer". Segundo consta na sentenza, non deixou de pegarlle até que dous mozos chegaron a aquela rúa e el saíu fuxindo.

A Audiencia Provincial de Lugo condenouno a 25 anos e 3 meses de prisión por un delito de ameazas condicionais, un delito continuado de agresión sexual, un delito de malos tratos no ámbito familiar e un delito de explotación sexual —coas agravantes de reincidencia de parentesco—. O tribunal tamén condenou a 1 ano e 6 meses ao home que vixiaba á vítima cando o acusado principal non estaba: considerárono "cómplice dun delito de explotación sexual".

Desconformes coas condenas, ambos os dous levaron o caso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e ante o Supremo. O acusado principal insistiu —entre outras cuestións— en que non había probas que acreditasen que o "suposto maltrato" fose habitual nin constancia dunha agresión sexual continuada. A respecto do delito de explotación sexual, alegou que a muller "levaba exercendo libremente a prostitución 20 anos e seguiuna exercendo durante os 6 anos de relación".

Sobre este extremo, o TS incidiu en que dedicarse á prostitución non é delito, pero si o é obrigar a unha persoa para exercer a prostitución "empregando violencia, intimidación ou engano ou abusando dunha situación de superioridade ou de necesidade ou vulnerabilidade da vítima".

Na resolución, da que foi relatora a maxistrada Susana Polo, o tribunal avala o testemuño da vítima ao considerar que reuniu todos os requisitos necesarios para erixirse como proba de cargo e que foi confirmado por outras "corroboracións perisféricas", como as lesiones consecuencias da "malleira", as declaracións das testemuñas, os restos biolóxicos achados na vítima e o testemuño do condenado como cómplice que admitiu que realizaba labores de vixilancia.