O Supremo ratifica a pena de 13 anos ao actor e ex político Javier Miñóns pola tentativa de asasinato da súa ex parella

O Tribunal Supremo ratificou a pena a Javier Miñóns (Foto: Europa Press)
A sentenza do alto tribunal desestimou o recurso de casación interposto polo acusado.

A Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS) confirmou a pena de 13 anos de cárcere para o actor e ex político Javier Miñóns, quen en maio de 2019 tentou asasinar a súa ex parella acoitelándoa en diversas ocasións no pescozo tras acudir ao seu lugar de traballo en Vimianzo.

A sentenza do alto tribunal, con data de 10 de novembro de 2022, desestimou o recurso de casación interposto polo acusado e confirmou a sentenza que ditou a Audiencia da Coruña en abril de 2021 e que posteriormente sería ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Ademais da pena de cárcere, a Audiencia impuxéralle o pago dunha indemnización de 30.500 euros, a prohibición de comunicarse e achegarse á vítima a menos de 300 metros durante 15 anos e a residir no seu mesmo municipio, e liberdade vixiada durante sete anos tras saír de prisión.

O recurso da defensa de Miñóns, que foi cabeza de lista de Compromiso por Galicia á Alcaldía de Vimianzo en 2015 -xa desvinculado do partido-, alegaba que se podía inferir a "non intencionalidade" por parte do acusado de matar a súa ex parella, polo que considera que o delito atribuído debía ser o de "lesións con instrumento perigoso".

Con todo, os maxistrados do Supremo contradín estes argumentos e confirman que Miñóns tentou matar a vítima porque o fixo de maneira que se aseguraba o crime". Así mesmo, o acusado non parou a acción "pola súa propia vontade", senón porque foi sorprendido por outra muller que accedeu ao lugar, que abandonou cando se decatou de que estaban a chamar a Garda Civil, mais "sen facer nada para minorar as consecuencias do seu acto".

Ademais, fronte á pretensión da defensa de que se descarte a aleivosía, o Supremo ratifica que o home elixiu "o momento concreto" para que a vítima "non puidese defenderse", que executou o acto sabendo que á muller "seríalle máis difícil pedir axuda" e era "a única empregada presente" nese momento e que a atacou "por sorpresa".

Agravante de xénero

Tamén tentou a parte recorrente que non se apreciase a agravante de obrar por motivos de xénero, aínda que os maxistrados, na liña do TSXG, vena "clara" porque vítima e agresor mantiveron unha relación de parella que finalizara e que só el quería reiniciala. "Os feitos acontecen polo desexo do recorrente de acabar coa vida da vítima, na idea de castigar con iso a súa negativa a persistir na relación de parella", proseguen os xuíces.

De igual modo, desestiman a atenuante de alteración psíquica que sostén a defensa, en tanto que "nada está acreditado sobre que as facultades da vontade" de Miñóns "estivesen afectadas" nin polo trastorno adaptativo que padecía nin pola medicación.

Feitos probados

A Audiencia da Coruña relatou na sentenza, agora confirmada polo Supremo, que o sospeitoso e a vítima mantiveron unha relación sen convivencia desde 2017 até o mes de febreiro de 2019, cando terminou, a pesar de que o condenado seguía insistindo en retomala.

O 15 de maio dese ano, pouco despois das 9 horas da mañá, "co gallo de acabar coa vida" da súa ex compañeira sentimental, accedeu ao lugar onde traballaba armado cun coitelo de cociña oculto entre as súas roupas. Os maxistrados destacan que escolleu esa hora porque sabía que as oficinas se acharían, con toda probabilidade, sen afluencia de xente, polo que lle sería máis difícil pedir axuda, pois, ademais, era a única empregada presente".

Ademais, portaba unha maleta propiedade da vítima, a cal se comprometeu a devolverlle o día anterior, evitando, con iso, que puidese desconfiar da súa presenza nas oficinas. Unha vez dentro, segundo relataron os xuíces, "por sorpresa, empuxouna coa maleta para, acto seguido, agarrala polo pescozo e cabelos, conseguindo así arroxala ao chan e colocarse encima dela".

Nese momento, "comezou a lanzar diversas coiteladas". Finalmente, o acusado foi sorprendido por unha muller que accedeu á oficina. "Ante o inesperado da súa presenza, reaccionou levantándose momentaneamente e dicíndolle que se marchase, o que permitiu á vítima pedirlle a esa muller que chamase a Garda Civil, zafarse do acusado e escapar até o exterior".

Tras un dispositivo de procura e captura, Miñóns foi detido ese mesmo día pola tarde, tras ser localizado ensanguentado no interior dun vehículo na praia dos Muíños, en Muxía.