Xustiza

Xulgan 'O Chicle' por agresión sexual á súa cuñada, que afirma: "Quedei inmóbil, só quería que acabase e marchar"

José Enrique Abuín, o 'Chicle', na sesión do xuízo decorrida esta terza feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O acusado nega uns feitos polos que a Fiscalía pide 15 anos de cadea.

José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'O Chicle', condenado a prisión permanente revisábel polo asasinato de Diana Quer, negou esta terza feira agredir sexualmente a súa cuñada cando esta tiña 17 anos, segundo sosteñen Fiscalía e a acusación particular, que piden para el 15 anos de cadea.

"Non", respondeu ao preguntar Fiscalía se mantivera algunha relación sexual con ela. Fíxoo no xuízo que decorrerá até esta quinta feira na Audiencia Provincial da Coruña, logo de que o Xulgado de Instrución número 2 de Noia decretase o seu procesamento en relación a uns feitos que se remontan ao 17 de xaneiro de 2005. Antes de comezar a declarar, pediu que se lle quitasen as esposas. "Non son agresivo", manifestou. Tamén pediu que se lle xulgase como José Enrique Abuín e non polo seu alias. No tocante ao caso, dixo: "Declararei o que lembre".

Dese día, dixo que rexeitou ver esa mañá a súa cuñada e manifestou que non tiña cartos e que foi á entidade bancaria para pedir "un anticipo", pero non estaba o director. "Non tiña nin para comer nin para pagar a gasolina", aínda que antes fixo, explicou, unha parada no cemiterio como parte do seu relato sobre o que fixo nesas horas cando presuntamente agrediu sexualmente a súa cuñada.

A preguntas da súa defensa, asegurou que limpou o coche na fin de semana, descartando que tratase de eliminar algunha proba xusto antes. Tamén rexeitou que levase algún tipo de arma no vehículo, por mor do uso dun coitelo que, segundo a acusación, usou para ameazar á súa cuñada. Sobre a súa relación coa cuñada, dixo que era "tensa" logo de que a súa muller preguntase "se se propasara con ela", en relación a uns tocamentos anteriores aos feitos que se xulgan e que Abuín negou.

Feitos

Presuntamente, 'O Chicle' convenceu a súa cuñada para levala en coche ao instituto, malia que logo se desviou do traxecto até deter o turismo nun parque do termo municipal de Lousame. Unha vez alí, colleulle o teléfono móbil, fechou o coche, intimidouna cun coitelo e obrigouna a manter relacións sexuais.

Após a presunta agresión sexual, segundo o auto de procesamento e o escrito de cualificación da Fiscalía, deixouna nas inmediacións do instituto, "non sen antes advertirlle que, se o denunciaba, mataría a súa irmá, a súa filla e logo iría a por ela e a polos seus pais". Aliás, díxolle que a violou "por chivata", facendo referencia a que a menor lle contou á súa irmá que uns meses antes, en xullo de 2004, o seu marido tocáralle o peito por riba da roupa, sempre segundo o exposto pola Fiscalía e a acusación particular.

Para esta xornada, alén do acusado e a súa cuñada, está previsto que declaren trece testemuñas e peritos do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga). Para a cuarta feira serán doce testemuñas e para a quinta, outras tres, así como un perito e a presentación de informes e lectura de conclusións. Ao xuízo asistiu o pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer.

"Só quería marchar de alí"

Pola súa parte, a cuñada do 'Chicle' ratificou que este a agrediu sexualmente. "Quedei inmóbil, só desexaba que acabase cedo e marchar de alí", expuxo, nunha declaración feita desde outra sala distinta á que está a ser escenario do xuízo. Sobre o sucedido ese día, explicou que o 'Chicle' lle dixo que lle debía un diñeiro ao seu pai e que, con posterioridade, achegouse até a súa casa co coche.

Apuntou que ela xa non foi co seu veciño para dirixirse en bus ao instituto e que Abuín pediu que o acompañase a Rianxo a un caixeiro. Nese momento, afirmou que daquela dubidou mais, finalmente, subiu ao vehículo. Pero viu máis tarde como o seu cuñado collía outra dirección. "Só lembro un letreiro que puña San Lorenzo", expuxo, sobre o lugar onde se cometeron, presuntamente, os feitos. Tamén dixo que Abuín a ameazou cun coitelo.

No que atinxe á súa relación con el, asegurou que era "normal antes dos feitos" e que, após o sucedido, hoxe en día aínda se atopa "mal". Así, explicou que aínda sente "vergoña". "Non son capaz de falar diso", sentenciou.

No xuízo declararon xa varias testemuñas, como a primeira amiga á que llo contou a cuñada de Abuín e unha irmá desta, que ratificaron que lles comentou o sucedido entre bágoas e con temor a denunciar polas ameazas. "Non se trataba na familia, era un tema oculto", sinalou a irmá, que recoñeceu que o 'Chicle', polo caso de Diana Quer, pediulles que mentisen. Ratificouno cun "si", a preguntas do fiscal.