Imponlle ademais os custos procesais

O Supremo nin sequera admite a trámite o recurso da Xunta contra Cuac FM

Unha das múltiples accións de protesta en apoio da emisora Cuac FM. Foto: cedida.

A Xunta de Galiza embarcouse, con cartos públicos, nun proceso xudicial contra a emisora comunitaria Cuac FM. Esta segunda feira o Tribunal Supremo puxo o ramo e nin sequera admitiu a trámite o recurso do Goberno galego contra a sentenza do Superior que recoñecía o dereito á emisión da canle en frecuencia modulada.

O revés xudicial inclúe ademais a condena ao pagamento dos custos procesuais até un máximo de 1.000 euros. “Manifestamos a nosa satisfacción pola decisión do Tribunal Supremo”, indica Cuac FM nun comunicado, “que deixa claro que tiñamos razón ao reivindicar pola vía xudicial o dereito a comunicar da cidadanía da Coruña a través de servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro”.

O ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que recorreu a Xunta, pronunciado no procedemento especial de protección de dereitos fundamentais 4166/2018, recoñecía o dereito de Cuac FM “a emitir en frecuencia modulada baixo unha garantía temporal de emisión”. Ao tempo, anulaba o expediente sancionador que lle incoara o Goberno no que, desde a emisora, entenderon como “interpretación restritiva e errónea da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010.

A alta maxistratura dá a razón a Cuac, cuxos membros lamentan “o malgasto de recursos públicos na persecución dunha iniciativa de comunicación cidadá e contra unha interpretación expansiva dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas”. “O esforzo material e humano empregados en loitar contra Cuac FM era digno de mellor causa”, engaden.

A inadmisión a trámite do recurso da Xunta é o episodio final do conflito, que, segundo a emisora, revelou “un xeito de entender a comunicación pouco respectuoso cos dereitos fundamentais e por tanto profundamente antidemocrático”.