Xustiza

O Supremo estuda hoxe o recurso do 'Pequeno Nicolás' contra a sentenza da viaxe a Ribadeo: "A fachenda non é delito"

O 'Pequeno Nicolás' chegando á Audiencia Nacional en febreiro do pasado ano. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
Francisco Nicolás Gómez Iglesias foi condenado en 2021 a tres anos de prisión pola viaxe que fixo en agosto de 2014 a Ribadeo facéndose pasar por unha ligazón entre o Goberno español e a Casa Real para impresionar o presidente do xigante do transporte por estrada ALSA, Jorge Cosmen. Aliás, ten pendentes outras dúas sentenzas condenatorias que aínda non son firmes, así como unha terceira absolución. Si é firme, pola contra, a condena a un ano e nove meses por falsificar un DNI para que un amigo fixese por el o exame da Selectividade de 2012.

O Tribunal Supremo estuda esta cuarta feira o recurso que presentou a defensa de Francisco Nicolás Gómez Iglesias, coñecido como o 'Pequeno Nicolás', contra a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid pola que se lle condenou a tres anos de prisión pola viaxe que fixo en agosto de 2014 a Ribadeo, na que se fixo pasar por unha ligazón entre o Goberno español e a Casa Real. Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press confirman que a Sala do Penal ten fixada na súa axenda a deliberación e fallo sobre a resolución, ditada en 2021, na que se concluíu que Gómez Iglesias cometera delitos de usurpación de funcións públicas e suborno activo.

A defensa do mozo, que agora ten 29 anos e no momento dos feitos 19, acudiu ao Supremo ao considerar que a Audiencia Provincial vulnerou o seu dereito á tutela xudicial efectiva, o dereito á presunción de inocencia, á inviolabilidade do seu domicilio, á súa intimidade persoal e virtual e mais o principio de proporcionalidade.

No recurso, ao que tivo acceso Europa Press, o equipo xurídico de Gómez Iglesias defende que o rexistro que fixo na casa do mozo ao comezo da investigación debe declararse nulo porque, entre outras cuestións, "non se fixo ningún tipo de distinción ou discriminación á hora de apoderarse de todos os datos que se atoparon" nos dispositivos móbiles, computadores e tabletas que había no domicilio.

"A fachenda non é delito"

A defensa insiste en que se conclúe neste caso que a actuación do acusado, "un mozo de 19 anos", consistiu en "gozar dunha mariscada cun empresario, ao cal trasladara que era unha ligazón entre Vicepresidencia do Goberno e Casa Real —cargo inexistente—, e co fin de impresionalo contratou vehículos de alta gama e persoal de seguridade que reforzasen a imaxe de ser alguén importante", sen que conste que "lle solicitase nin propuxese nada con razón do seu ficticio cargo". "Constitúen os devanditos feitos unha conduta típica? Indubidabelmente non. O noso Código Penal non coñece o delito de fachenda", apunta a defensa.

É a segunda vez que o alto tribunal analiza un recurso do 'Pequeno Nicolás'. O pasado decembro, confirmou a condena a un ano e nove meses imposta ao mozo por falsificar un DNI para que un amigo fixese por el o exame da Selectividade de 2012. Gómez Iglesias polo de agora non se atopa cumprindo pena de cárcere tendo en conta que a única condena firme que ten é a do DNI, que ao ser inferior a dous anos non conleva o ingreso en prisión. De confirmarse a pena de tres anos, que se sumaría á dun ano e nove meses, a Audiencia Provincial de Madrid tería que ditar o ingreso nun centro penal.

Foi en xullo de 2021 cando a Audiencia Provincial de Madrid condenou Gómez Iglesias a unha pena de nove meses de prisión como autor dun delito de usurpación de funcións públicas coas atenuantes de "anomalía psíquica" e dilacións indebidas, e a outros dous anos e tres meses de cárcere por suborno activo, apreciando as mesmas atenuantes. Aquela condena tamén incluía a pena de inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo durante eses tres anos, así como unha multa de 2.700 euros, con responsabilidade persoal subsidiaria para caso de falta de pagamento.

Durante o xuízo, 'O Pequeno Nicolás' sostivo que o seu obxectivo non era finxir que era unha autoridade oficial, senón aparentar que era "unha persoa importante" para impresionar o presidente do xigante do transporte por estrada ALSA, Jorge Cosmen, con quen programara unha reunión que tivo lugar o 13 de agosto de 2014 no Club Náutico de Ribadeo. "Quería tirarme o pisto", dixo. Con todo, a Audiencia Provincial non tivo dúbidas de que Gómez Iglesias incorreu nun delito de usurpación de funcións, dando plena credibilidade ao testemuño prestado na vista oral por Cosmen. O empresario afirmou que 'O Pequeno Nicolás' usou o termo de "ligazón" entre Vicepresidencia do Goberno e Casa Real.

Pola súa parte, o mozo foi absolto do delito de falsidade en documento público cometido por particular do que se lle acusaba por, presuntamente, fabricar unhas acreditacións falsas do Ministerio do Interior para colocar nos coches de alta gama que alugou para simular unha comitiva oficial. Tamén foi exonerado do delito de malversación de fondos públicos polo que estaba sinalado xunto a un policía municipal de Madrid.

Catro condenas e unha absolución

'O Pequeno Nicolás' ten pendentes outras dúas sentenzas que aínda non son firmes: a condena de catro anos e tres meses de prisión e multa de 4.200 euros por acceder en 2014 a información "confidencial" en bases de datos policiais e mais a condena de tres anos e cinco meses por facerse pasar por un membro do Goberno na compravenda da leira de 'La Alamedilla'. En total, o mozo acumula 12 anos e cinco meses de condenas, se ben de momento só é firme a do DNI —dun ano e nove meses de cárcere—.

Ademais das catro condenas, Gómez Iglesias conta cunha absolución. En xullo de 2018, a Audiencia de Madrid absolveuno dun delito de inxurias e calumnias contra o CNI, do que o culpaban por acusar o organismo de 'picar' o seu teléfono ilegalmente.