O Supremo dubida do decreto-lei que lle deixa a última palabra sobre as medidas de contención da pandemia

Clientela nunha terraza no Grove. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O gabinete técnico do alto tribunal deixa entrever unha disconformidade coa decisión do Goberno estatal por facelo “copartícipe” nun proceso no que mesmo pode haber problemas respecto aos dereitos fundamentais das persoas. Advirte, ademais, de que vai haber problemas de tempo e persoal para xestionar a tempo todos os expedientes.

O Tribunal Supremo non está seguro de que o decreto-lei aprobado polo Goberno español para deixar nas súas mans o control das medidas territoriais para controlar a expansión do coronavirus unha vez decaia o estado de alarma sexa suficiente a nivel xurídico.

O alto tribunal pon en dúbida a política seguida pola equipa de Pedro Sánchez aludindo á “posíbel insuficiencia” do decreto naqueles temas que afecten a dereitos fundamentais da cidadanía.

Neste sentido, deixa entrever unha postura crítica por facer as e os profesionais da Xustiza “copartícipes” do que suceda até o de agora, nun contexto de “xudicialización da pandemia” do que falaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nos últimos días.

O informe emitido polo gabinete técnico do Supremo entende que ter a última palabra sobre as restricións por causas sanitarias implica algúns “problemas procesuais”.

Malia que “non se vai a examinar” todo o contido do decreto porque precisaría dun “estudo profundo” para o que non hai tempo, o texto fala da “posíbel insuficiencia ou inadecuación do rango da norma empregada  para regular unha cuestión como esta, que incide en dereitos fundamentais".

O que indica expresamente o documento, ao que tivo acceso Europa Press, é que o decreto-lei "preséntase, de forma implícita pero evidente, como unha reacción lexislativa contra a interpretación xurisprudencial do marco legal anterior".

Existen dúbidas de corte procesual e tamén no sentido de que “non pode ocorrer” que se entenda que o Supremo “fixará doutrina” coas resolucións que vaia ditando sobre as medidas fronte á Covid-19, como indica a norma recentemente aprobada.

O informe explica que pode suceder que, dado que se prescinde do trámite previo para determinar se concorren os requisitos legais para admitir o recurso, sexa a propia Sala do contencioso-administrativo a que na súa resolución estabeleza que debe inadmitirse por iso ou porque non hai interese casacional, e non estude nin se pronuncie sobre o fondo do asunto.

Carga de traballo

Por outra parte, deixa aberto o asunto do cumprimento dos prazos estabelecidos, pois son máis reducidos do que vén sendo habitual.

"Se, como é de temer, multiplícase a litixiosidade nesta materia, resultará moi problemático resolver os recursos en tan breve prazo, tendo en conta que ao Tribunal Supremo accederán, probablemente en datas coincidentes, recursos procedentes de calquera tribunal inferior desta orde xurisdicional contenciosa-administrativo", alerta, con unha fonda preocupación pola sobrecarga de traballo e a dificultade para xestionar todo correctamente a tempo.

Ademais de falar do papel do Avogado do Estado, indica que “a reforma así introducida vai ter un impacto moi significativo sobre a Sala Terceira do Tribunal Supremo" e o persoal xa está "saturado de traballo".