O Supremo declara ilegal a espionaxe dunha empresa a un empregado para comprobar a lexitimidade dunha baixa laboral

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid. (Foto: Nós Diario)
Segundo recolle a sentenza, a empresa contratou un detective privado que fixo fotografías do home "realizando en numerosas ocasións (polo menos durante sete días e en xornadas de varias horas) labores de esforzo no xardín e na horta da súa casa".

O Tribunal Supremo declarou ilegais as fotografías que unha empresa fixo a un empregado que estaba de baixa por unha doenza cervical, para comprobar se realmente lle impedía traballar.

Nestas fotografías pode verse o empregado realizando traballos na horta da súa casa.

Os maxistrados entenden que nese momento o home estaba na intimidade do seu domicilio polo que declarou as fotos ilegais.

O traballador comezou a súa baixa o 27 de abril de 2020 por unha "incapacidade temporal". Apenas dous meses despois, o 23 de xuño, a empresa entregoulle unha carta de despedimento disciplinario.

Detective privado

Segundo recolle a sentenza, a empresa contratou un detective privado que fixo fotografías do home "realizando en numerosas ocasións (polo menos durante sete días e en xornadas de varias horas) labores de esforzo no xardín e na horta da súa casa, utilizando para iso unha pa e un angazo para preparar a terra", así como labores de pintado e de albanelaría "para as que manipula ferramentas, agáchase e adopta posturas forzadas".

O home acudiu aos tribunais para combater o seu despedimento. Un xulgado de Pontevedra rexeitou a demanda do home, mais o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) deulle a razón, polo que a empresa recorreu ao Supremo, expondo a necesidade de unificar doutrina por haber sentenzas contraditorias nesta materia dos tribunais superiores.

A sentenza indica que, aínda que a lei "permite de forma expresa que detectives privados realicen investigacións con vistas á obtención e achega de probas relativas á vida persoal, familiar ou social, exclúe expresamente a que se desenvolva nos domicilios ou lugares reservados".