O Tribunal Supremo confirma a pena de prisión ao ex interventor de Fisterra

José Ramón L.F., ex interventor de Fisterra, nunha foto de arquivo.
O acusado subtraeu máis de 25.000 euros das arcas públicas.

A Sala Penal do Tribunal Supremo confirmou hoxe a condena de dous anos e medio de prisión imposta ao ex secretario interventor do Concello de Fisterra José Ramón L.F. por delito continuado de falsidade en documento oficial cometido por funcionario público en concurso medial con delito continuado de malversación de caudais públicos.

O condenado deberá indemnizar o Concello con 23.690 euros, que é o diñeiro que malversou, descontando os 6.788 euros que xa reintegrou ás arcas municipais. 

O Supremo desestimou integramente o seu recurso contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que á súa vez ratificou a da Audiencia Provincial da Coruña. 

Segundo os feitos declarados probados, durante o período comprendido entre o mes de xaneiro de 2011 e o mes de decembro de 2012, José Ramón L.F., "con ánimo de obter un beneficio patrimonial inxusto", detraeu diñeiro das arcas municipais, aproveitando as facultades de disposición inherentes ao seu cargo.

O acusado alterou e modificou as súas propias nóminas, de maneira que as cantidades detraídas –entre 23.690 e 23.013,26 euros– foron ingresadas na conta bancaria da que era titular.

"Non cabe a autoasignación de gratificacións"

O Supremo rexeitou o argumento do acusado, que cuestionaba o ánimo de lucro por entender que eran pagos debidos por traballos prestados cuxa retribución lexítima non quedaría cuberta coa norma estabelecida.

A sentenza emitida especifica que "o recorrente, polas súas funcións e formación, ten que coñecer perfectamente que non cabe esa autoasignación de gratificacións por xustas que poidan parecerlle"

A Sala Penal considera que o prexuízo causado "é evidente" xa que, se non se debían esas cantidades, ao facelas súas o acusado "empobreceu a Corporación". "Non había un dereito do acusado a eses abonos que non eran debidos en tanto non foran aprobados", insiste.