O Supremo avala as suspensións do TSXG de dous polígonos eólicos ao inadmitir recursos da Xunta e das empresas promotoras
O despacho de avogacía Pérez Leva Avogados sinala “unha campaña política” desenvolvida polo Executivo galego contra unha “decisión xurídica plenamente axustada a dereito”.
O Tribunal Supremo (TS) avalou as suspensións cautelares do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de dous parques eólicos, Troitomil (entre os municipios de Negreira e A Baña, na Barcala) e Ventumelo (entre A Pobra de Trives e San Xoán de Río, na Terra de Trives, e Ribas de Sil, na comarca de Quiroga), ao non admitir os recursos presentados polo Goberno galego e polas empresas promotoras.
Deste modo, a sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo emitiu cadansúa providencia de non admisión a trámite dos recursos da Xunta da Galiza, Wind Hero (no caso de Ventumelo) e Green Capital Power (Troitomil) debido á súa falta de fundamento de interese para a casación.
Segundo destacou Pérez Lema Avogados nun comunicado, "a decisión do TS avala o proceder do TSXG fronte a unha campaña política de deslexitimación impulsada desde o Goberno galego e as empresas eólicas". Ademais, o despacho tamén reprochou que a Xunta "desautorizou en termos moi duros as decisións" do alto tribunal galego e "supuxo unha campaña política contra unha decisión xurídica plenamente axustada a dereito, un comportamento que resulta xuridicamente inaceptábel".
O proxecto do eólico de Ventumelo foi paralizado no mes de marzo de 2024 ao entender o TSXG que non se podía considerar totalmente veraz a declaración de impacto ambiental elaborada pola Xunta ao non terse en conta que o parque forma parte dun proxecto máis amplo artificialmente fragmentado.
Posteriormente, no mes de maio de 2024, o TSXG realizou idéntica argumentación para paralizar preventivamente o proxecto de Troitomil, xa que o alto tribunal mostrou as súas sospeitas de que os proxectos de Vilartoxo e Barrosinos, nas proximidades, constituísen xunto a Troitomil un mesmo macroproxecto que se tentaba disimular a través dunha fragmentación.
Lourenzá reivindica as resolucións da Xunta
Ao respecto, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, afirmou esta segunda feira que o Goberno galego respecta os pasos xudiciais, mais reivindicou as resolucións da Xunta da Galiza e anticipou: "Seguiremos traballando nos tribunais".
Neste sentido, aínda que reafirmou o "absoluto respecto" a esta decisión xudicial, Lourenzá tamén reivindicou "o traballo e as resolucións da Xunta da Galiza". "E seguiremos traballando nos tribunais, como estamos a facer no Tribunal Supremo ou como estamos a facer no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) en relación á cuestión prexudicial exposta polo TSXG", concluíu a conselleira.
Obras no monte Acibal
Veciños e veciñas de Amil (Moraña, comarca de Caldas) alertaron esta segunda feira sobre a irrupción de varios camións de gran tonelaxe, con matrículas de Polonia e Portugal e o logo da empresa Vestas, que se dirixían ás obras do parque eólico do monte Acibal, un proxecto promovido por Norvento e que se atopa paralizado por orde do TSXG desde maio de 2024 tras o achado de restos arqueolóxicos na zona.
Depredación enerxética
O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) reivindicou esta segunda feira o Día da Depredación Enerxética, creado polo ente para "sinalar o día do ano en que se acaban os recursos enerxéticos galegos obxecto de aproveitamento (este ano foi esta segunda feira)" e "visualizar a enorme dependencia da Galiza da enerxía fósil importada".