O Supremo avala as rebaixas de pena nas condenas firmes pola lei do 'só si é si'

Fachada do Tibunal Supremo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O TS desatende o criterio fixado polo fiscal xeral, a favor de manter as penas antigas.

A Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS) avalou as rebaixas de pena aplicadas nas revisións de condenas firmes tras a entrada en vigor da lei do 'só si é si', o que supón desacreditar o criterio fixado polo fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, tras un Pleno monográfico de dous días celebrado expresamente para unificar doutrina neste tema.

Segundo informou o TS, os quince maxistrados da Sala Segunda, incluído o seu presidente Manuel Marchena, confirmaron o criterio aplicado na súa inmensa maioría polas audiencias provinciais. Segundo os últimos datos proporcionados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPJ), a data 1 de maio realizáronse no Estado español 2.301 revisións, das que resultaron 1.079 rebaixas de pena e 108 excarceracións.

Desta forma, o Supremo desatende o Ministerio Fiscal, que avogou por manter as penas antigas cando se puidesen impor coa nova lei para evitar rebaixas automáticas. A Sala Segunda rexeitou directamente a aplicación da disposición transitoria quinta do Código penal (CP) de 1995, que recolle dita tese.

As fontes xurídicas explican que sempre houbo un forte debate ao redor desta disposición porque se ideou para un momento concreto, de transición entre CP, ca finalidade de evitar que se tivesen que revisar miles de condenas, polo que parte da doutrina defende que esgotou a súa vixencia.

Até o de agora, os tribunais oscilaron entre aplicar rebaixas automáticas ou manter as penas antigas alí onde foi posíbel. En termos técnicos, o debate xurídico situouse entre o artigo 2.2 do CP, que recolle o principio de retroactividade penal a favor de reo, e a citada disposición.

A decisión adoptada esta cuarta feira polo Supremo servirá de guía para os tribunais inferiores á hora de efectuar revisións. De feito, fontes xurídicas indican que nas últimas semanas detectouse un parón nas revisións provocadas polo 'só si é si', "probabelmente", á espera de que o Supremo fixase criterio.

Con este Pleno monográfico de dous días, o TS deu resposta a un total de 29 recursos contra as revisións de condenas firmes efectuadas por tribunais inferiores tras a entrada en vigor da nova lei o pasado 7 de outubro. Tratábase de 22 recursos presentados polos propios condenados, algúns porque non viron reducida a súa pena e outros porque consideran que a rebaixa foi insuficiente, e 7 pola Fiscalía. Ademais, en 16 dos casos estudados as vítimas son menores de idade. Catro dos casos estudados polos maxistrados corresponden a Audiencias Xudiciais da Galiza.

Primeiro pronunciamento sobre condenas firmes

É a primeira vez que o Supremo analizou se os tribunais inferiores (neste caso as audiencias provinciais) revisaron correctamente as sentenzas firmes após a entrada en vigor da lei do 'só si é si'.

Os recursos analizados corresponden a revisións de sentenzas efectuadas polas audiencias provinciais de Madrid (8), Barcelona (1), Palma de Mallorca (2), Bilbao (1), Soria (1), Toledo (1), Guadalaxara (1), As Palmas (3), Pontevedra (3), A Coruña (1), Valencia (3), Castelló (1), Almería (1), e Cádiz (2).

Ata o de agora, o TS pronunciouse só en recursos de casación. En concreto, alumou xa 75 fallos, mantendo as penas impostas en 47 e ordenando reducións en 28.

A primeira vez que o Supremo se manifestou sobre a nova lei foi co denominado 'caso Arandina'. Entón, a Sala Segunda aclarou nun nota de prensa que "poderá aplicarse en beneficio do reo cando se fixe agora unha pena inferior naqueles supostos nos que así proceda, pero analizando caso por caso, non de forma global".