O Supremo avala o certificado Covid exixido pola Xunta para acceder á hostalaría

Imaxe dun certificado Covid. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O Tribunal Supremo deu luz verde á medida acordada pola Xunta da Galiza en agosto que esixía o certificado Covid para acceder a bares e discotecas na Galiza, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tombara a medida.

“O beneficio que proporciona a medida, respecto da redución significativa dos contaxios, é moi superior ao sacrificio que comporta a esixencia de presentar a documentación para o acceso ao local”. Así xustificou o Tribunal Supremo a esixencia do certificado Covid na hostalaría.

Desta maneira, a sección cuarta da sala do contencioso-administrativo do alto tribunal avala a decisión da Xunta da Galiza após tombarlla o TSXG. Entende que a medida é “idónea, necesaria e proporcionada”.

“Non se ve ningunha medida que resulte máis acaída para salvagardar a vida e a saúde dos cidadáns nese tipo de locais”, continúa o Supremo na sentenza que estima o recurso da Xunta contra o auto do TSXG que rexeitara a medida.

A sentenza indica que a exhibición do pasaporte Covid non vulnera o dereito á igualdade, pois non se produce discriminación entre aqueles que están vacinados e os que non o están.

“Lembremos que a documentación reviste unha tripla modalidade, que resulta alcanzábel a todos, de modo que quen non quere mostrar se foi ou non vacinado, tendo en conta o carácter voluntario da mesma, pode presentar o resultado da proba PDIA ou o test de antíxenos, e desde logo o certificado de recuperación da Covid-19 se pasou a infección”, recolle o texto.

A Sala rexeita tamén que esixir o pasaporte Covid vulnere o dereito á intimidade e asegura que non pode esgrimirse a prevalencia deste dereito fronte ao dereito á vida e á protección da saúde pública.

“É certo que se trata dunha información médica, pero as connotacións que impón a situación de pandemia, o carácter masivo da vacinación e a solidariedade que comporta a protección e axuda entre todos, devalúa a preeminencia da intimidade neste caso”, subliñan os maxistrados.

O tribunal tamén descarta a vulneración do dereito fundamental á protección dos datos persoais cando o que se estabelece, para entrar no interior dun determinado local, “é a mera exhibición, é dicir, ensinar ou mostrar a documentación en calquera das tres modalidades esixidas”.

A sentenza recolle os informes achegados pola Xunta que poñen de manifesto a abundancia de datos científicos que avalan que a única medida eficaz posíbel para proceder á apertura dos locais de lecer que proporcione un alto nivel de protección para a saúde pública é a implantación do denominado pasaporte Covid, “pois só ela pode diminuír considerabelmente o risco de contaxio nos devanditos establecementos”.

Lembra que a Xunta non a implantou de forma indiscriminada en todo o territorio, senón que estabelece unha sorte de mapa que gradúa a incidencia da pandemia en cada lugar e os diversos niveis de restrición segundo a gravidade da incidencia da Covid-19 nos diferentes municipios.