O Supremo afasta a posibilidade de recuperar o certificado Covid

Un local exixindo o certificado. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Ratifica a decisión da Xustiza de Andalucía. Os tribunais territoriais da Galiza, Cantabria e Canarias tampouco aceptaron a demanda dese documento.

A obriga de contar cun certificado Covid para acceder ao interior dos estabelecementos de hostalaría en lugares de alta incidencia epidemiolóxica de Covid-19, rexeitado até en catro ocasións polos tribunais de comunidades autónomas, foi cuestionada polo Tribunal Supremo, que esta cuarta feira botou abaixo a proposta de Andalucía para aplicalo no ocio nocturno.

No fallo, o Supremo ratifica a posición do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, que se negou a avalar a orde do 5 de agosto da Consellaría de Saúde andaluza, que procuraba “limitar o acceso ao interior dos locais de ocio e hostalaría con música”.

Neste caso, amais do certificado Covid da Unión Europea, tamén se podía acceder cun test de antíxenos ou PCR negativa realizada nas últimas 
72 horas. 

Para o Supremo, a intención do Executivo andaluz podería afectar a dereitos fundamentais como o dereito á intimidade persoal, amais, defendeu que a medida de restrición estaba mal pensada, ao non xustificala dabondo e pretender impola en todo o territorio, independentemente da taxa de incidencia acumulada. 

Unha medida aprobada en Balears

Malia que o de Andalucía é o primeiro rexeitamento xurídico á proposta que chega ao Supremo, tampouco se lle deu luz verde na Galiza, Canarias ou Cantabria.

Só en Balears, o Tribunal Superior de Xustiza territorial aceptou aplicar a obriga de contar con certificado Covid, mais circunscrito á entrada nas residencias de persoas maiores e a grandes eventos.

Desde o Goberno do Estado, descartouse lexislar para introducir a obriga de contar cun certificado para acceder a determinados lugares, medida que si se aplica en varios Estados da UE.