O Supremo admite o recurso do sector pesqueiro contra os plans de eólica mariña

Arriba á esquerda, a demarcación noratlántica para situar a eólica mariña, e á dereita a demarcación levantino-balear. Abaixo, a demarcación do Estreito e Alborán e á dereita, a demarcación canaria (Foto: Nós Diario).
A Plataforma en defensa da pesca pedirá a suspensión cautelar dos POEM.

A Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo admitiu a trámite o recurso presentado pola Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños para impugnar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) que aprobou en febreiro por Real Decreto o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e que xeraron unha forte contestación entre o sector do mar galego e doutros territorios, como Euskadi, Cantabria ou Asturies. O Ministerio ten agora un prazo de 20 días para remitir todo o expediente administrativo correspondente a esta autorización.

En declaracións a Nós Diario, Torcuato Teixeira, portavoz da plataforma, recoñecía onte que a admisión a trámite do recurso é "unha boa nova" e indicaba que, unha vez teñan o expediente completo, procederán a estudalo. "Valoramos solicitar unha media cautelar de suspensión" dos POEM, anuncia Teixeira, en base a que de seguir adiante a aplicación dos plans podería causar "danos irreversíbeis" na pesca e nos ecosistemas mariños.

"Plena nulidade"

Esta non sería a única decisión da Plataforma, explica o avogado e portavoz. Torcuaro Teixeria apunta a que tamén procederían a pedir ao Supremo a "nulidade" dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo. 

A Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños acordou o pasado 16 de abril nunha reunión en Navia (Asturies) impugnar o RD polo cal se aprobaron os POEM. A Plataforma argumentaba que esta reordenación do espazo marítimo, que permite a instalación de parques eólicos no mar, non contempla "s danos irreversíbeis que a súa posta en marcha podería provocar".

Comparecencia da titular do Miteco

Por outra parte, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, comparecerá a vindeira cuarta feira, 10 de maio, no Congreso, a iniciativa do BNG e a CUP. A ministra deberá informar sobre os POEM e a implantación da eólica mariña nas costas do país. “O BNG, igual que a inmensa maioría do pobo galego e, explicitamente, a totalidade do sector pesqueiro da Galiza, rexeita a posibilidade de implantación de parques de eólica mariña na costa galega” afirmaba o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cando informou de petición de comparecencia.