O Tribunal Supremo adía, sen data, a votación sobre a legalidade da prórroga de Ence en Pontevedra

Factoría de Ence en Lourizán, Pontevedra. (Foto: Estevoaei)
Está pendente de resolverse outro recurso, aínda en fase de tramitación, polo que finalmente non se resolverá esta cuestión o 4 de outubro, como estaba previsto.

A sala terceira do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo vén de ditar unha providencia pola que acorda o adiamento da votación sobre a legalidade da prórroga da concesión dos terreos que ocupa a fábrica de Ence na ría de Pontevedra.

O tribunal fixara a votación dos recursos presentados para o día 4 de outubro, mais nesta providencia, emitida o pasado 6 de setembro, explícase que a votación foi aprazada e aínda non hai nova data para abordar a situación.

O motivo, segundo explicou este órgano xudicial, é que aínda está en fase de tramitación outro recurso, "de contido semellante", e considera que debería sinalarse para un único día a votación e fallo dos dous recursos.

A cita do 4 de outubro estaba prevista para revisar o recurso de casación presentado pola propia empresa, os traballadores, a Autoridade Portuaria de Marín e dúas asociacións afíns contra a primeira das sentenzas da Audiencia Nacional, a presentada pola organización ecoloxista Greenpeace, que anulou a prórroga da concesión.

Con todo, hai pendente un segundo recurso contra a segunda sentenza da Audiencia Nacional, que daba a razón ao Concello de Pontevedra, e que, "por atoparse aínda en tramitación o procedemento" e xa que ten un "contido semellante ao do presente", a sala terceira deixa "sen efecto" a cita acordada para o 4 de outubro "para proceder ao seu sinalamento para votación e veredicto de forma conxunta".

Ambas as sentenzas da Audiencia Nacional estimaron as demandas contra a prórroga á concesión de Ence, aprobada polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi o 20 de xaneiro de 2016, e os maxistrados acordaron a súa anulación.