Super lúa azul na madrugada deste 31 de agosto? Nin será ‘súper’, nin ‘azul’

A súper lúa azul non será nin súper nin azul. (Foto: Jesus Merida / SOPA Images via ZUM / DPA)

Esta será a segunda lúa chea de agosto

Na madrugada desta cuarta feira, e polo tanto xa en 31 de agosto, poderemos observar a segunda Lúa chea do mes, anunciada en moitos medios como “super lúa azul”, advertindo de que se traba dun fenómeno que “non se repetirá até o ano 2037.

Porén, tal e como advirte Martin Pawley desde a Agrupación Astronómica Io nin será “súper”, nin “blue”. De onde vén, entón, esta denominación “errónea”, difundida incluso polo telexornal da TVG? Eis as chaves.

Non será “súper”

Segundo a Agrupación Io, na lúa da madrugada desta quinta feira non poderemos apreciar unha gran diferenza de tamaño con outras lúas cheas que teñamos visto.

Isto é así debido a unha “limitación do noso cerebro. "Poderíamos ser quen de distinguir entre dúas Lúas cal é un pouco maior se as tiveramos xuntas no ceo, mais non podemos comparar o tamaño da Lúa de hoxe co tamaño dunha Lúa do mes pasado ou de hai seis meses, que xa non recordamos”, afirma Pawley nun comunicado da entidade. “Nin sequera podemos comparar ‘visualmente’ o tamaño da Lúa cando sae co que lle vemos unhas horas despois, máis alta no ceo”.

Ao ser unha Lúa chea, verémola asomar polo horizonte ao solpor, e isto “garante unha audiencia notábel da que non van dispor, con certeza, as lúas minguantes”, o que lle dá, de seguro, moita máis popularidade a esta Lúa chea.

Ademais, din desde Io, cando está perto do horizonte “a sensación que nos dá é de que é ‘máis grande’, debido a unha ilusión óptica, a ‘ilusión lunar’” para a cal, afirman, non hai “unha explicación definitiva e concluínte”.

Tampouco será “azul”

Conta Pawley que a confusión relativa á cor que (non) terá a Lúa nova da madrugada deste 31 de agosto remóntase ao ano 1937, cando na folla correspondénte ao mes de agosto exemplar do Maine Farmers’ Almanac alcumaron a segunda Lúa do mes como “blue moon”, intentando seguir a liña marcada polos “early English ancestors” de pór nomes ás lúas (a do lobo, a da colleita, a do cazador).

 Nos anos 80 popularizouse esta nomenclatura para esa lúa a maiores que temos, como tamén din os anglosaxóns, once in a blue moon: moi rara vez.