A superficie queimada polos incendios sobe a 30.565 hectáreas nunha semana

Un home camiña abatido pola zona afectada polo lume en Folgoso do Courel. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As brigadas forestais seguen ser dar abasto nos labores de contención dos 14 incendios que seguen activos en diferentes concellos do país e que arrasaron xa milleiros de hectáreas. Espazos protexidos como os parques naturais do Invernadoiro e da Serra da Enciña da Lastra ven ameazada a súa enorme riqueza ambiental.

O lume segue a avanzar sen control no Courel e Valdeorras en dous incendios que, pola súa magnitude, xa se converteron nos maiores da historia da Galiza, após superaren as 10.000 hectáreas cada un, segundo o último balance publicado pola Consellaría do Medio Rural ás 19.30 horas desta quinta feira.

O primeiro deles, iniciado nas parroquias de Vilamor (Folgoso do Courel) e Saa (A Pobra do Brollón), arrasou até o de agora unhas 10.000 hectáreas —alén doutras 1.100 arrasadas en Seceda, tamén no municipio de Folgoso— e mantén en vigor a 'situación 2' de emerxencia por mor da proximidade do lume a núcleos habitados.

O segundo, o que principiou en Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e levou por diante unha superficie de arredor de 10.500 hectáreas, boa parte no concello  veciño do Barco. Anteriormente o incendio que afectara unha maior superficie fora o de Ponteareas en outubro de 2017 —8.877 hectáreas—. Este foco comezou remitir durante a tarde, se ben continúa sobre o terreo unha ampla despregadura de medios. Porén, as chamas reavivaron no municipio de Rubiá, complicando os labores de extinción.

Na terza feira as autoridades locais do Barco de Valdeorras e Rubiá avanzaron que pedirían a declaración de "zona catastrófica" para o territorio afectado, e esta quinta feira sumouse á demanda a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, que instou os gobernos galego e estatal a "ir pensando en que facer". "Se a declaración de zona catastrófica é o máis rápido, eu quéroa, porque agora mesmo iso é o que somos", dixo.

Un paraíso cercado polas chamas

Outro dos focos que continúa descontrolado e que está a causar unha maior preocupación é o de Pradoalbar (Vilariño de Conso), que afecta o parque natural do Invernadoiro, declarado como tal en 1997 polo seu alto valor ambiental: breixos, carballeiras, bosques de acivros e unha rica diversidade biolóxica entre a que salientan as poboacións de lobo e aguia real. Agora o lume ameaza con arrasalo por completo.

Segundo as cifras oficiais, até o momento arderon 5.200 hectáreas neste incendio orixinado en Pradoalbar, se ben a Xunta non ofreceu aínda datos exactos da superficie queimada no Invernadoiro. Porén, cómpre salientar que a súa extensión rolda as 5.700 hectáreas e que, segundo advirten bombeiros forestais, as chamas deste foco  de Vilariño están a afectar, sobre todo, este espazo natural. Persoal das brigadas sinalou a Nós Diario que antonte xa ardera"máis de 50%" do parque, onde os bombeiros seguen a traballar arreo, en condicións extremas e expostos ás chamas e o fume, para conter o avance do lume.

Tampouco informa a Xunta da superficie concreta queimada dentro do parque natural da Serra da Enciña da Lastra, por mor do incendio de Carballeda. Precisamente na cuarta feira o Colexio de Xornalistas da Galiza lamentaba que a falta de información achegada polo Goberno "dificulta o traballo xornalístico".

Outros focos activos

En Oímbra aínda están activos tres incendios que se iniciaron en Portugal, nas parroquias de Videferre —600 hectáreas—, San Cibrao —400—e Rabal—1.800—. Os dous primeiros foron estabilizados —mais non controlado polo de agora—, mentres o de Rabal segue fóra de control.

No concello de Cervantes, aliás, hai dous lumes activos, o do Castro, que está controlado e queimou perto de 20 hectáreas, e o de Cereixedo, estabilizado e con 65 hectáreas. En Quiroga, o lume de Outeiro foi xa controlado, con 375 hectáreas calcinadas, e o de Nocedo quedou estabilizado após arrasar perto dunha quincena de hectáreas.

A estes súmanse os incendios controlados en Palas de Rei, na parroquia de Ramil —375 hectáreas—, e en Antas de Ulla, na parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, con 40 hectáreas queimadas. En Guillar (Rodeiro) o lume foi controlado após arderen unhas 200 hectáreas, e contra as 17 horas desta quinta feira orixinouse un novo incendio forestal en Canedo (Ourense) próximo a un conduto de gas, se ben xa foi sufocado.

En total, e até o momento actual, arderon no conxunto do país 30.565 hectáreas desde que principiara a vaga de lumes unha semana atrás.

Centos de persoas saen ás rúas das sete cidades para defender "un monte digno"

A cidadanía galega volveu protestar esta quinta feira contra a xestión dunha vaga de incendios que está a superar todas as previsións, logo das concentracións convocadas por Adega en Lugo e Ourense na terza feira.

Desta volta convocaba o Comité de Defensa do Monte Galego, entidade que denuncia a "situación de emerxencia polos lumes que están a calcinar os montes, os ecosistemas de máis valor do país, casas, aldeas, instalacións...", así como a "desfeita económica, ecolóxica e social da Galiza".

Centos de persoas saíron á rúa na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo para apoiar a veciñanza afectada, reivindicar unha defensa "efectiva" dos espazos naturais protexidos e defender "un monte galego digno e con futuro".