A superficie queimada na Galiza en cinco anos equivale a 2,7% de todo o territorio

A veciñanza de Trabada colaborou na extinción do incendio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

 A Xunta da Galiza vén dar por extinguido o incendio forestal que arrasou 2.326 hectáreas de monte nos concellos de Ribadeo e Trabada, ambos na comarca da Mariña. O fogo, cualificado polo Goberno galego como o máis grande do ano no país, eleva a superficie queimada neste exercicio a perto de 17.000 hectáreas.

A superficie queimada na Galiza entre 2018 e 2022 equivale a 2,7% do total do territorio galego, situándose a extensión do país en 2.957.400 hectáreas, isto é 29.574 quilómetros cadrados, e sendo a superficie afectada polos fogos de 80.304,6 hectáreas, exactamente 803 quilómetros cadrados, unha medida que duplica o tamaño de cidades como Lugo, cuadriplica o de Compostela ou multiplica por 10 a dimensión de Ourense.

O ano 2022 marcou máximos en canto a actividade incendiaria. Nese exercicio, desenvolveuse o fogo de maior dimensión da historia da Galiza na área do Courel e da Ribeira Sacra, chegando a queimar máis de 11.000 hectáreas. Ao tempo, na comarca de Valdeorras, un lume con orixe na localidade de Carballeda arrasou arredor de 10.500 hectáreas, ocupando, tamén, un lugar de destaque na historia incendiaria da Galiza.

O Instituto Galego de Estatística vén de facer públicos os datos dos fogos en 2022. Así, a Consellaría de Medio Rural rexistrou 1.713 incendios que queimaron 51.642,5 hectáreas, das cales 16.766,4 eran de superficie arborada e 34.876,4 de monte raso. Nesa anualidade, as peores cifras presentáronas as comarcas de Verín e Viana, con 15.195, hectáreas queimadas; Valdeorras e Trives, con 14.069,7 hectáreas queimadas e Ribeira Sacra e Courel, con 13.411,7 hectáreas queimadas.

As cifras de 2022 son moi superiores ás rexistradas para os anteriores exercicios. Así, en 2021 declaráronse na Galiza 950 fogos, situándose a superficie total incendiada en 4.403,1 hectáreas, 2.270 das cales son de zonas arboradas e as restantes de monte raso. A anualidade de 2020, marcada pola pandemia, rexistrou 1.527 lumes, que queimaron 14.823 hectáreas.

Os datos para 2019 e 2018 son contraditorios. Nesta liña, no primeiro dos exercicios rexistráronse 1.653 incendios, porén a superficie afectada ficou en 6.835,5 hectáreas, repartidas en 3.046,9 de superficie arborada e 3.788,5 de monte raso. Asemade, no ano 2018 o número de fogos situouse en 1.338, sumando 2.599,6 hectáreas de superficie queimada, na súa maior parte de mato.

O mato ocupa 33,5% da superficie forestal

A superficie ocupada polo mato non deixa de medrar, sendo, neste momento, superior á de plantacións de frondosas ou coníferas. Segundo os datos achegados pola Enquisa sobre rendementos e cultivos, elaborada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en 2022, 33,3% da superficie forestal da Galiza, isto é 598.106 hectáreas, está ocupadas polo mato.

A maior extensión de mato concéntrase nas comarcas ourensás, con 272.493 hectáreas, seguidas das comarcas luguesas con 172.028 hectáreas, sendo una das expresión máis evidentes do abandono do rural. En Ourense representa máis de 40% da súa superficie forestal, un risco para a seguridade destas áreas.

A CIG denuncia falta de medios na loita contra o lume

A federación de administración da Confederación Intersindical Galega (CIG) amosou esta segunda feira a súa “estupefacción” polas declaracións do conselleiro de Medio Rural, José González, que, ante os lumes que tiveron lugar en días pasados, afirmou que foran provocados por "desalmados". Nesta liña, explicou que “non son froito da improvisación, senón máis ben dunha estratexia de comunicación para desviar a atención ante a deficiente xestión na política forestal e máis concretamente na política de prevención e extinción de incendios forestais”.

Tamén sinalou que “estes días foi preciso desprazar os medios a máis de 100 quilómetros para realizar a extinción dos lumes, reducindo enormemente a súa eficacia”. Por último, urxiron o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a "non pórse de perfil”.