A superficie afectada polos incendios chega ás 32.000 hectáreas queimadas

Unha persoa axuda a apagar o fogo de Folgoso do Courel (Foto: Carlos Castro - Europa Press).

Os datos facilitados este sábado pola Consellaría de Medio Rural indican certa estabilidade nos incendios destes días. Aínda así, continúan activos os maís grandes, como o do Courel, Valdeorras e o Invernadoiro.

A extinción dos incendios forestais na Galiza semella evolucionar favorabelmente xa que os máis grandes, a pesar de continuar activos, mantéñense sen cambios en canto á superficie afectada. Segundo a información trasladada pola Consellaría do Medio Rural con datos recollidos até as 8,30 horas deste sábado, os fogos deste mes de xullo na Galiza calcinaron xa unhas 32.000 hectáreas.

Así, o incendio de Folgoso e A Pobra -parroquias de Vilamor e Saa-, que se orixinou coa unión doutros catro focos, mantense cunha afectación dunhas 10.000 hectáreas, mentres que o da parroquia de Seceda, en Folgoso, queimou sobre 1.100 hectáreas.

O incendio iniciado en Carballeda de Valdeorras -o máis grande da Galiza- arrasou unhas 10.500, parte delas no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Por outra parte, no municipio de Oímbra a Xunta deu por controlados ás 23.40 horas desta sexta feira dous dos incendios que entraron desde Portugal. O de Videferre calcinou 800 hectáreas, segundo as estimacións provisionais, e o de San Cibrao afectou a unha superficie de 400 hectáreas.

O de maior superficie, o de Rabal, mantense estabilizado (non controlado) cunhas 2.100 hectáreas queimadas.

Así mesmo, permanece activo o incendio de Vilariño de Conso que afecta o Parque Natural do Invernadoiro. Segundo os últimos datos da Consellaría, son xa 5.800 as hectáreas calcinadas por este lume iniciado a pasada semana.

Incendios con menos superficie

A lista de incendios activos na Galiza complétase con cinco máis, catro deles están controlados. Trátase do da parroquia de Cereixido, en Cervantes -65 hectáreas-, os de Palas de Rei, parroquia de Ramil, e Antas de Ulla, en Santa Mariña do Castro de Amarante -375 hectáreas e 40 respectivamente- e o da parroquia de Outeiro, en Quiroga -250 hectáreas-.

Ademais, permanece estabilizado o de Nocedo, no municipio de Quiroga, que até o momento calcinou unhas 15 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Xunta.

A esta superficie hai que engadir unhas 720 hectáreas de terreo queimadas por incendios dos que Medio Rural xa informou da súa extinción nos últimos días. En concreto, trátase dos de Cualedro (31 hectáreas); Baiona (46 hectáreas); Melón (dous lumes que suman 98 hectáreas); Quiroga (83 hectáreas); Ribadavia (67 hectáreas); Covelo  (37 hectáreas); Cervantes, parroquias de Donís (75 hectáreas), Noceda (182 hectáreas) e O Castro (0,5 hectáreas); e Rodeiro (110 hectáreas).

Desactivadas a Situación 2

Así mesmo, esta sexta feira a Consellaría do Medio Rural desactivou a Situación 2 por risco para as vivendas nos tres incendios que a tiñan activada: o macrolume de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, o de Valdeorras e un segundo incendio en Folgoso, que ameazaban as parroquias de Parada dos Montes (Folgoso), Busto (A Pobra), Candeda (Carballeda) e Gamiz.

Por este motivo, segundo a Consellaría regresaron aos seus fogares ao redor de 200 veciñas e veciños de Quiroga e Folgoso do Courel que aínda quedaban evacuados.