Os supercontaxios, máis relevantes na difusión da Covid que as variantes

Paciente de Covid-19 nunha imaxe de arquivo. (Foto: Halfpoint)
Un estudo da USC responsabiliza o comportamento social do éxito dunha ou outra variante de Covid-19, apuntando que os datos cos que contan minimizan o impacto das características propias de cada unha en detrimento do efecto das persoas supercontaxiadoras.

“Como prender lumes a un monte seco usando substancias acelerantes como a gasolina”, así describen Antonio Salas e Federico Martinón, profesores da Universidade de Santiago de Compostela, o efecto das persoas supercontaxiadoras, que consideran imprescindíbel para que as variantes da Covid-19 teñan éxito ou non.

Nun estudo publicado na revista científica Trends in Genetics, os docentes amosan como, independentemente da variante analizada, os eventos de supercontaxio “son a forza motriz” da evolución da SARS-CoV-2.

“Un só evento de supercontaxio pode causar un dano rexional terríbel ao facer medrar os contaxios de maneira exponencial”, explican, o que dá comezo “en moi pouco tempo a gromos repentinos que son difíciles de controlar ao perderse a posibilidade de trazar as transmisións”.

O biólogo e xenetista Alberto Gómez Carballa, o programador Xabier Bello Paderne, e o matemático Jacobo Pardo Seco, completan o equipo -xunta Salas e Martinón- que analizou 1,4 millóns de secuencias do virus de acceso público, partilladas por miles de laboratorios de xenética e microbioloxía do planeta.

Responsabilidade social

Estes datos permitíronlles achegar evidencias de que “variantes de risco tan populares como alpha e delta dificilmente poderían ter o éxito que tiveron se non foran catapultadas polo efecto catalizador dos eventos de supercontaxio”, sinala Salas, que sostén que isto “traslada a carga da responsabilidade da pandemia ao comportamento social, e non tanto ás variantes do virus”.

Asemade, incide, esta hipótese está sustentada tamén na observación de que todas as vagas importantes apareceron despois de relaxar as restricións, ao tempo que os contaxios volvían frearse unha vez recuperadas estas medidas.

Identificar a priori as persoas supercontaxiadoras “é difícil”, apunta Martinón, que suxire “medidas xerais” ao non poder “intervir selectivamente”, e descarta as crianzas en base á información dispoñíbel.

Os autores tamén poñen en dúbida “as interpretacións prematuras” sobre as novas variantes, que “crean unha alarma social innecesaria baseada nunha boa dose de incerteza, en datos insuficientes e especulacións científicas aínda inmaturas”.

Ademais, advirten que a pesar da expansión por mor do comportamento social rexistrada até o de agora, de xurdir variantes que escapen do efecto das vacinas, é posíbel que o “peso da pandemia no futuro recaia máis no patóxeno”.