Os concellos amosan a súa preocupación polo aumento de casos á vez que se avanza na desescalada

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou esta sexta feira a inquedanza dos concellos ante o retroceso na contención da pandemia “xusto cando se autoriza organizar verbenas e outros eventos populares e cando se retoma a actividade do ocio nocturno”.

Amplíase a capacidade máxima nas terrazas dos locais hostaleiros a 15 persoas; seis en espazos interiores. Na imaxe, unha terraza de Compostela, nesta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera Unha terraza de Compostela (Foto: Arxina).

Nunha reunión coa Xunta da Galiza e Delegación do Goberno estatal decorrida na mañá da sexta feira, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, requiriu "reforzos para uns corpos de policía local que levan meses facendo un esforzo inxente, con cada vez máis medidas de desescalada e por tanto máis circunstancias a controlar; desde praias, hostalaría, chamadas de denuncia por festas privadas ou aglomeracións de xente".  

Nun comunicado de prensa, a Fegamp informa de que Varela requiriu “máis coordinación” e "moitas máis reunións, especialmente antes de decidir novas medidas de desescalada que poidan derivar en concentracións de xente ou situacións que propicien que o virus se espalle".

Os concellos de incidencia baixa, lembra a Fegamp, permiten a apertura desde a quinta feira de discotecas, pubs e outros estabelecementos de ocio nocturno nos seus plans de control.

“A volta desta actividade coincide coa autorización para organizar festas, verbenas e outros eventos populares en localidades con incidencia acumuladas a 7 e 14 días de menos de  75 e 150 casos por 100.000 habitantes”, apunta a entidade que agrupa os concellos.

A Fegamp apela a “desfrutar de forma responsábel” e “contribuír á recuperación dun dos sectores máis castigados pola crise sanitaria, pero respectando en todo momento as medidas de prevención e sendo o máis prudentes posíbel”.

Este sábado Carnota e Sarria pasan a nivel alto de restricións. As medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Cambre, Castroverde, Oia, Barro, Cambados, Poio, Pontevedra, Vilaboa e Vilanova de Arousa.

Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.

Comentarios