Suma e segue no descenso dos nacementos na Galiza: un 4% menos até agosto

(Foto: Europa Press)

Nos primeiros oito meses deste ano naceron 402 crianzas menos que no mesmo período de 2020. E 685 menos que entre xaneiro e agosto de 2019.

Galiza rexistra un total de 9.813 nacementos até agosto, o que supón un 3,93% menos (402 menos) que nos oito primeiros meses de 2020, segundo os datos dun estudo experimental que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE).

De se querer ver o vaso ‘medio cheo’, este descenso supón paliar a caída do 5,49% que existía no acumulado até xullo. Iso si, o retroceso do 3,93% de Galiza é superior á media española (-3,43%).

Na comparativa con 2019, os 9.813 estes nacementos tradúcense nunha diminución do 6,52% (685 menos) que hai dous anos polas mesmas datas.

Desde 1987 Galiza non rexistra saldo vexetativo positivo

Saldo vexetativo

Galiza rexistrou un saldo vexetativo negativo en 2020 de 17.561 mortes máis que nacementos, a peor cifra desde que hai rexistros (1975), segundo os datos do Instituto Galego de Estatística.

Aínda que o saldo vexetativo negativo contraeuse lixeiramente en 2019 (-15.550) respecto de 2018 (-15.859), en 2020 volve empeorar até alcanzar a cifra máis negativa da serie histórica.

Esta situación explícase polo incremento dun 5% nos falecementos nun ano marcado pola pandemia. En total, contabilizáronse 32.822 mortes, tamén o peor dato histórico.

Así, 79,4% dos nacementos correspondéronse en 2020 con nais con residencia na marxe atlántica. Ademais, continúa o atraso na idade das mulleres galegas ao dar a luz, pois 77,6% teñen 30 anos ou máis (eran o 72% hai 10 anos). E as que teñen 40 anos ou máis xa representan 13,6% (eran o 5,8% en 2010).

Desde 1987 Galiza non rexistra saldo vexetativo positivo.