Galiza anotou en 2020 o peor saldo vexetativo desde que hai rexistros

En 2020 Galiza rexistrou 17.561 mortes máis que nacementos. (Foto: Arxina).

Producíronse 17.561 mortes máis que nacementos. A pandemia disparou as defuncións un 5%.

Galiza rexistrou un saldo vexetativo negativo en 2020 de 17.561 mortes máis que nacementos, a peor cifra desde que hai rexistros (1975), segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística.

Aínda que o saldo vexetativo negativo contraeuse lixeiramente en 2019 (-15.550) respecto de 2018 (-15.859), en 2020 volve empeorar até alcanzar a cifra máis negativa da serie histórica.

Esta situación explícase polo incremento dun 5% nos falecementos nun ano marcado pola pandemia. En total, contabilizáronse 32.822 mortes, tamén o peor dato histórico.

A isto únese que os nacementos seguen en descenso na Galiza, de forma que alcanzan o número máis baixo nos rexistros: 15.261. Son 457 menos (-2,9%) que en 2019.

Nacementos

Así, 79,4% dos nacementos correspondéronse en 2020 con nais con residencia na marxe atlántica. Ademais, continúa o atraso na idade das mulleres galegas ao dar a luz, pois 77,6% teñen 30 anos ou máis (eran o 72% hai 10 anos). E as que teñen 40 anos ou máis xa representan 13,6% (eran o 5,8% en 2010).

Só cinco municipios con saldo positivo

Así mesmo, o IGE destaca que hai máis de 30 anos que a Galiza non presenta un saldo vexetativo positivo (máis nacementos que mortes).

De feito, só hai cinco municipios con saldo vexetativo positivo: Ames (+48), O Porriño (+35), Salceda de Caselas (+14), Oroso (+3) e Arteixo (+2). No outro extremo, destacan: A Coruña (-1.150), Vigo (-1.108), Ourense (-701), Ferrol (-568) e Lugo (-468).

Menos matrimonios

No tocante a matrimonios, houbo 5.660 en 2020, o que apunta unha caída do 39,3% fronte aos 9.331 de 2019. Do total, realizáronse 106 entre persoas do mesmo sexo.

Nas ligazóns entre diferentes sexos obsérvase un atraso nas idades, xa que 89,4% dos homes e 82,6% das mulleres tiñan 30 ou máis anos. Hai unha década esas taxas eran de 75,6% e 63%, respectivamente.