Un incendio que puido ser intencionado arrasa seis hectáreas en Ourol

Os tres focos prendidos en Ourol esta segunda feira. (Foto: Brigada de Marroxo)
Os tres focos do lume xa foron controlados polas brigadas forestais.

A Consellaría do Medio Rural vén de ratificar que o incendio forestal rexistrado esta segunda feira no municipio de Ourol foi controlado contra as 19.53 horas, logo de arrasar unhas seis hectáreas, segundo as primeiras estimacións provisionais da Xunta.

Segundo informou a Consellaría, o lume principiou "en tres focos diferentes" da localidade, cumpridas as 13.37 horas, en concreto na parroquia de Ambosores.

Aliás, os primeiros indicios apuntan a que puido ser intencionado: "A disposición dos puntos de lume ao longo da pista amosa unha clara intencionalidade que agora investigará a Unidade de Investigación de Incendios Forestais", precisou o departamento de avisos de incendios da Xunta.

Os primeiros indicios apuntan unha posíbel intencionalidade

Agora abrirase unha investigación para determinar se, efectivamente, este incendio en Ourol foi provocado por alguén.

Nas tarefas de extinción participaron cinco helicópteros, un avión, 12 brigadas, oito motobombas e catro axentes, indican as mesmas fontes.

No momento do incendio os termómetros rexistraban na zona temperaturas superiores aos 32 graos centígrados e pequenos refachos de vento.